O protocolo anticovid da volta ao cole deixa ao Ximnasia Pontevedra sen pavillón para adestrar
Por Manu Otero
Os deportistas do Ximnasia Pontevedra levaban anos adestrando con pingueiras, condensación e temperaturas extremas. Pero desde o mes de setembro xa nin poden practicar. O motivo?. O protocolo anticovid aprobado pola directiva do IES A Xunqueira I impide a entrada ás instalacións do centro a persoas alleas á comunidade educativa por razóns de seguridade. "Estamos a plantexándonos irnos de Pontevedra", admite o adestrador do equipo de ximnasia acrobática, Pablo Hinojar.
Os ximnastas dun club que viu como nos últimos anos incrementábase o número de fichas en todas as súas categorías adoitaban adestrar no pavillón deste instituto pontevedrés. Ao tratarse dun deporte individual a normativa vixente permite a súa práctica, o problema é que agora non teñen onde facelo. "O noso deporte require dunhas instalacións fixas, non é como outros que se pode montar e desmontar rapidamente", contextualiza Hinojar.
O club solicitou en repetidas ocasións un lugar de adestramento ao Concello de Pontevedra, pero a falta de instalacións apropiadas e a reorganización obrigada pola pandemia deixou aos ximnastas sen sitio. "Solicitamos un espazo no Recinto Feiral, pero dixéronnos que non e tampouco nos ofrecen outra alternativa. Do pavillón específico que nos prometeron prefiro nin falar porque as Administracións pásanse a bóla dunha a outro", lamenta frustrado Hinojar.
Entre as súas filas, o Ximnasia Pontevedra ten campións de España e deportistas de talla internacional, como Adrián Soliño, que se viron obrigados a desprazarse a cidades como Vigo para manter o seu estado de forma para os campionatos programados para finais deste ano e principios do próximo. "Por sorte temos en Vigo a un club amigo que nos cede as súas instalacións", agradece Hinojar.
Con todo, esta situación non poderá prolongarse eternamente porque tamén os ximnastas da base necesitan adestrar por saúde, afección e para mellorar o rendemento duns deportistas que cotizan á alza. "Se en Pontevedra non temos solución, iremos a outros concellos. En Poio están a adestrar", expón o técnico.
Dos ximnastas sénior do club, só Melania Rodríguez, bolseira polo CGTD e con serias opcións de estar nos Xogos Olímpicos de Tokio, pode seguir traballando na súa cidade. Mentres tanto, medallistas nacionais como Adrián Soliño ou Iván Estévez deben desprazarse varios quilómetros para seguir practicando o seu deporte e conseguindo medallas representando a Pontevedra.
O concelleiro de Deportes e tenente de alcalde, Tino Fernández, explicou sobre este asunto que o Concello solicitara ao consello escolar o uso do pavillón fóra do horario escolar en condicións de máxima seguridade e de acordo aos protocolos que rexen a actividade deportiva, do mesmo xeito que fixeron con outros centros do municipio. Con todo, o consello escolar do IES A Xunqueira I "foi o único centro que denegou a nosa solicitude por unanimidade", afirma Fernández.
O Concello, "que respectamos pero estamos decepcionados e preocupados", céntrase agora en buscar outras alternativas que obrigarán a sobrecargar outros pavillóns. "Esperamos poder solucionalo o máis axiña posible", comprométese o concelleiro.