O Cisne acaba eliminado da Copa fronte a Puente Genil despois de soñar coa vitoria (21-28)
Por Manu Otero
O Club Cisne apéase da Copa do Rei despois de caer eliminado a cargo do Puente Genil, equipo de liga Asobal e que, a pesar de partir como claro favorito, tivo que empregarse a fondo para bater aos pontevedreses. Ao conxunto branco custoulle entrar no partido, pero cando o conseguiu os seus xogadores voaron como avións pola cancha. Tanto, que houbo momentos nos que a parroquia local soñaba coa machada. A maior intensidade defensiva dos cordobeses e a precipitación por falta de experiencia dos galegos acabou por inclinar a balanza en favor do equipo de superior categoría nun segundo tempo no que o Cisne foi inferior, pero a base de valentía logrou volverse a meter no encontro para quedar sen opcións no último tramo de eliminatoria.
Aproveitou o técnico cisneísta, Javier Fernández (Jabato) para dar descanso a pezas importantes no plantel debido a que o obxectivo dos pontevedreses non é outro que acabar o máis alto posible na liga. David Chapela e Andrés Sánchez nin se vestiron, mentres que Javi Vázquez a penas dispuxo de minutos. Tampouco xogou o porteiro titular Villamarín. Si que tiveron oportunidade de demostrar a súa calidade xuvenís como Carlos Álvarez ou Daniel Virulegio, autores de senllos tantos para alegría da bancada.
O partido non comezou de forma positiva para os intereses brancos, que se viron con dous goles de desvantaxe en menos de tres minutos de xogo. Tardou en chegar o primeiro tanto local. Foi obra de Preciado, o mellor xunto a Picallo nas filas cisneístas. Pero tan pronto como, o equipo lerezano abriu a lata, os goles caeron un tras outro. Tanto, que no primeiro cuarto de hora os pontevedreses gañaban por dous (8-6), unha renda que podería ser aínda maior de non ser polo acerto do porteiro visitante.
O Cisne prometíallas moi felices e a inchada soñaba coa vitoria. Pero chegou o apagamento ofensivo dos locais que non souberon aproveitar a súa primeira superioridade, deixáronse empatar e tan pronto como se igualaron as forzas comezaron a recibir goles. Novás, que defendera a súa portería con acerto no primeiro tramo de xogo, foi incapaz de frear os lanzamentos do Puente Genil que lle chegaban por todos os flancos. E en ataque, a circulación de balón atascábase continuamente, os visitantes interceptaron pases en múltiples ocasións que aproveitaron para castigar ao contragolpe.
Os visitantes fóronse aos vestiarios cunha renda de dous goles (12-14), pero o peor estaba por chegar. Tras a continuación, o conxunto de Jabato pareceu quedarse nos vestiarios porque foron invisibles tanto en ataque como en defensa. E en só cinco minutos, Puente Genil ampliou as diferenzas ata os sete goles (12-19).
A eliminatoria parecía sentenciada. Pero se algo demostrou o Cisne nos últimos anos é entrega e valentía. Jabato pediu tempo morto e debeulles pedir aos seus un pouquiño máis de atrevemento porque nos minutos posteriores, os atacantes brancos penetraron entre o muro cordobés como puñais. Parcial de 5-0 e eliminatoria aberta de novo (18-20) a falta de vinte minutos para o final.
O partido era como unha montaña rusa. O Cisne acababa de escalar unha montaña e, como non podía ser doutra maneira, tocaba descender. De novo a circulación de balón converteuse no talón de aquiles da escuadra pontevedresa. Un demoledor parcial de 0-3 para os visitantes foi a puntilla para os de casa, que se baleiraron para reducir as diferenzas.
Con cinco goles de vantaxe, os de Andalucía dedicáronse a administrar a súa renda e a deixar pasar os minutos sen que o Cisne puidese facer nada para remedialo. Pero foi unha derrota doce. O equipo soubo plantar cara e facer dano a un equipo de superior categoría, tivo opcións de dar a sorpresa e mesmo houbo tempo para gozar do talento duns xuvenís que deixaron ben claro, que o Cisne ten substitución e moito futuro.
Podes consultar a acta do partido nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Un superior Villa de Aranda acaba coa boa serie do Cisne en liga (28-26)
Por Almu Dapena |
-
Continúa o soño do Cisne despois de gañar 26-23 o Ciudad de Málaga
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
Carlos Álvarez, incluído na primeira convocatoria de Jabato como seleccionador nacional xuvenil
Por Redacción |
-
O Cisne lidera a clasificación tras vencer ao Córdoba cun gol sobre a bucina (27-28)
Por Almu Dapena |
-
O Ángel Ximénez de Puente Genil, rival do Cisne na segunda rolda da Copa do Rei
Por Redacción |
-
Triunfo histórico do Cisne ante o Teucro na Copa do Rei (29-24)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |