Así, si. O Pontevedra reivindícase cun gran triunfo sobre o Melilla (3-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Este é outro Pontevedra. Nada que ver cos tres encontros anteriores en Pasarón. O Pontevedra reivindicouse cun gran partido e unha merecida vitoria sobre un Melilla ao que non deu opción. Seguro, intenso, ordenado, con faísca, o equipo granate asinou posiblemente a súa actuación máis completa da tempada, precisamente ante a atenta mirada do que desde mañá será o seu novo adestrador, Carlos Pouso, presente na bancada de Preferencia. Álvaro Bustos, Romay e Álex Fernández asinaron os goles do triunfo.
Vibrante, xogado a un ritmo infernal. Pontevedra e Melilla disputaron unha primeira parte que foi un constante ida e volta, con chegadas a ambas as áreas e un factor determinante que inclinou a balanza ao lado local, curiosamente no que tantas veces viñan fallando os granates, o acerto no remate.
Claro que moi posiblemente a proposta duns e outros estivese condicionada polo temperán gol logrado polo Pontevedra, que obrigou ao Melilla a soltar amarras, esquecer precaucións e irse arriba con todo. Iso trouxo como consecuencia que aparecesen os espazos, que o Pontevedra, solidario nas axudas defensivas, aproveitaba á perfección para proxectarse, especialmente pola banda esquerda.
Con Álex Fernández ao temón e Romay xunto a Álvaro Bustos gustándose, o equipo dirixido interinamente por Jesús Ramos asentou os seus reais, crecendo a partir da seriedade e seguridade defensiva de Víctor Vázquez e Jaouad.
Case sen máis tempo que unha declaración de intencións chegaba o primeiro gol. Foi a partir dun lanzamento de esquina botado con moita intención por Álex Fernández, que interceptou co brazo Héctor. O colexiado, moi preto da acción, non dubidou e sinalou penalti que se encargou de transformar con seguridade Álvaro Bustos, cun disparo por alto e ao centro da portería, enganando a Oleaga.
A partir de aí entrouse nunha espiral de vertixe. O Melilla reaccionou buscando a área para chocar contra a seguridade granate e o Pontevedra aproveitou especios para xerar moito perigo. Adiguibe Disparou ao centro, Álvaro Bustos escapóuselle un pouco un control que o podía deixar só. Os visitantes tamén asomaron, pero Álex González estivo providencial para tapar un remate de Ruano, mentres que os lanzamentos afastados de David Ramos e Héctor non atoparon portería.
Ata que nunha rápida saída pola banda dereita chegaba o segundo tanto. Javi Pazos pon un gran balón a Romay que resolve dentro da área cun disparo a media altura.
Aínda Adiguibe puido facer o terceiro antes do descanso, pero escapóuselle o balón no último autopase cando encaraba só ao meta Oleaga.
Cando o colexiado sinalou o descanso, os afeccionados premiaron ao equipo coa ovación que se mereceu por unha primeira parte brillante.
Aínda que a segunda parte baixou algo o ritmo infernal da primeira, non por iso foi menos intensa e interesante. O Melilla asumiu a súa obrigación de dominar e buscar reducir distancias para meterse no partido, pero atopouse cun Pontevedra concentrado que se atopaba a gusto con espazos e non desaproveitaba calquera ocasión para estirarse. Así, case chega a sentenza tras un roubo moi arriba de Romay que serviu para que Álvaro Bustos, completamente só, estrelase o seu remate nas pernas de Oleaga.
Os visitantes insistían, pero sempre atopaban resposta nunha cada vez máis sólida zaga granate que só permitiu un remate de Mawi ao que respondeu Edu con seguridade. Sería xusto antes de que Álex Fernández redondease a súa excelente actuación co terceiro gol, aproveitando un novo roubo de Romay na liña de fondo para cruzar por raso ante a desesperada saída do meta rival.
O que non atopou o Melilla co seu xogo ofensivo regaloullo a fortuna cando un disparo afastado de Hicham, sen aparente perigo, dá na perna de Álex Fernández e se envenena sorprendendo a Edu por alto.
Pero non houbo opción para máis nin o Pontevedra, que realizou quizais a actuación máis completa da tempada, consentiuna. Os visitantes perdéronse nuns minutos finais nos que a desesperación se lles xuntou coa impotencia, máis pendentes de protestar as decisións arbitrais que dun fútbol no que mostrou máis carencias que virtudes, ata o punto de gañarse unha vermella absurda e que a nada conducía no desconto por parte do seu capitán
PONTEVEDRA CF (3): Edu; Santi, Víctor Vázquez, Jaouad, Álex González; Sana, Álex Fernández (Mejía, minuto 79); Javi Pazos, Romay, Álvaro Bustos (Pedro Vázquez, minuto 90); e Adiguibe (Rivera, minuto 69).
UD MELILLA (1): Oleaga; Pepe Romero, Diana, Richi (Deco, minuto 78), Víctor Mena; David Ramos, Ceberio; Ruano, Héctor, Carri (Hicham, minuto 65); e Mawi (Carlos Fernández, minuto 71).
Árbitro: Éder Mallo Fernández (Castela-León), auxiliado nas bandas por Mario Moreno Peña e César Domínguez Zapatero. Expulsou con vermella directa ao xogador visitante Pepe Romero (minuto 92). Amoestou a Álex Fernández e Javi Pazos, no Pontevedra, e a Pepe Romero e Ruano, no Melilla.
Goles (1-0) Minuto 7: Álvaro Bustos, de penalti. (2-0) Minuto 27: Romay. (3-0) Minuto 61: Álex Fernández. (3-1) Minuto 79: Hicham.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Unhas 1.800 persoas. Aínda sen confirmar oficialmente o seu nomeamento, o que será novo adestrador granate Carlos Pouso e o seu axudante, Raúl García, presenciaron o partido desde unha localidade na bancada de Preferencia, tentando pasar desapercibidos, onde os localizou a cámara de Diego Torrado para PontevedraViva.
Relacionadas:
-
Remontada, oficio e Álvaro Bustos, claves do triunfo do Pontevedra en Las Rozas (1-3)
Por Redacción |
-
A nova etapa do Pontevedra iníciase no Polideportivo de Navalcarbón
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra de Pouso "quiere transiciones rápidas", asegura Álex González
Por Diego Espiño |
-
Las Rozas, praza inédita para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Primeira toma de contacto de Carlos Pouso co plantel
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Carlos Pouso comprométese co Pontevedra ata final de tempada esperando "no defraudar"
Por Diego Espiño |
-
Carlos Pouso toma nota do 'seu' Pontevedra na bancada de Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Tres importantes puntos en xogo entre Pontevedra e Melilla para pechar a era pre-Pouso
Por Diego Espiño |
-
Carlos Pouso, pechado á espera do anuncio oficial
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra e Melilla cruzan os seus camiños 13 anos despois
Por Diego Espiño |
-
Goles canteiráns para unha remontada agónica do Pontevedra ao Celta B (1-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |