A xuíza abre sumario contra o ex-granate David Goldar e o celtista Santi Mina por unha presunta agresión sexual
Por Diego Espiño
David Goldar, ex-xogador do Pontevedra Club de Fútbol, e o celtista Santi Mina irán a xuízo por unha presunta agresión sexual. Así o determinou o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Vera, Almería, que acordou continuar o procedemento penal aberto contra ambos os dous, acusados de agredir sexualmente unha moza na localidade de Mojácar.
A xuíza, concluída a súa instrución, ditou un auto de incoación de sumario a pedimento do Ministerio Fiscal ao determinar que existen indicios suficientes para que vaian a xuízo, segundo confirmou Europa Press.
Os feitos remóntanse ao mes de xuño de 2017, cando David Goldar acaba de fichar polo club pontevedrés e Mina militaba no Valencia. O defensor de Portas, agora nas filas do Nástic de Tarragona, foi investigado no caso como presunto colaborador ou por omisión do deber de socorro, virando a acusación ao redor do actual dianteiro do Celta de Vigo.
A denuncia presentada pola vítima sinalaba no seu momento que a muller tería pasado a noite con David Goldar nun local de lecer accedendo voluntariamente a marchar con el a unha caravana. Alí, segundo o testemuño da moza, Santi Mina tería aparecido espido efectuándolles tocamentos en presenza do seu amigo, a pesar da oposición da denunciante.
Tras ser detido e retido no calabozo da Garda Civil, Mina pasou a disposición xudicial, quedando despois en liberdade sen fianza.
No seu momento, tal e como recolleu o Diario Marca, ambos os dous futbolistas defendéronse asegurando que as relacións sexuais terían sido consetidas en todo momento.
Relacionadas:
-
David Goldar, absolto no xuízo por abuso sexual contra Santi Mina, ao que condenan a 4 anos de prisión
Por Diego Espiño |
-
O ex-granate David Goldar sentará no banco o luns 28 de marzo no xuízo ao celtista Santi Mina por presunta agresión sexual
Por Diego Espiño |
-
A Fiscalía non formula acusación contra o ex-granate David Goldar no xuízo ao celtista Santi Mina por presunta agresión sexual
Por Diego Espiño |
-
David Goldar, investigado tras a denuncia dunha moza a Santi Mina por un presunto abuso sexual
Por Redacción |