Técnicos de fútbol sala cítanse en Marín para actualizar os seus coñecementos
Por Redacción
Marín acolleu este sábado 4 de xaneiro a cuarta edición das xornadas de actualización para adestradores de fútbol sala, organizadas polo Comité Galego de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol.
A biblioteca pública Vidal Pazos e o pavillón da Raña recibiron desde primeira hora da mañá, aos adestradores interesados en recibir unhas charlas dos profesionais deste deporte.
Fede Vidal, seleccionador nacional absoluto masculino; Venancio López, director deportivo da RFEF; Mikel Destro, técnico do Leis Pontevedra FS; e Fran Paz, preparador de porteiras do Burela Pescados Rubén, foron os encargados de compartir os seus coñecementos cos 90 asistentes á xornada.
Despois da benvida realizada polo presidente da RFGF, Rafael Louzán; o máximo responsable do fútbol sala na RFGF Pablo Prieto; o presidente do Comité Galego de Adestradores e director da escola, Iván Cancela; o concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba; e o presidente do Áncora D' Ouro, Ubaldo Lago; o primeiro en tomar a palabra foi Fede Vidal.
O técnico da selección española absoluta masculina inaugurou o relatorio ás 10:00 horas co 'Rol do sacador nas accións a balón parado', para dúas horas despois deixar paso ao director deportivo da RFEF, Venancio López, que profundou nas 'Pautas de adestramento para a defensa individual con cambios', charla coa que se pechou a quenda de mañá.
Xa pola tarde, Mikel Diestro, explicou a 'Estrutura e desenvolvemento dos fundamentos de xogo nun club de base', mentres que Fran Paz falou do 'Posicionamento do porteiro. Bisectriz, altura e orientación corporal'.