Triplo triunfo do Ravachol Pontevedra para acadar o segundo posto na táboa
Por Redacción
Pleno de vitorias para o Club de Bádminton Ravachol Pontevedra na cita que tivo lugar a pasada fin de semana en Ponteareas na que o conxunto pontevedrés logrou derrotar aos seus tres rivais para ascender á segunda praza da clasificación a falta dunha soa xornada para concluír a competición.
Os da cidade do Lérez venceron ao Caser Clean Madrid, ao CB Astures de Xixón e ao CB Estella de Navarra, cunha convocatoria na que figuraban os capitáns Alejandro Nogueira e Raquel Miguéns, así como Manuel Brea, Ana Carbón, Amaia Torralba, Natalia Murio e o debutante Gabriel Fernández.
No primeiro duelo da xornada fronte ao cadro madrileño, a parella formada por Manuel Brea e Ana Carbón anotáronse o primeiro triunfo. En dobres feminino, Raquel Miguens e Amaia Torralba caeron derrotadas. No dobre masculino tampouco puideron facer nada Alejandro Nogueira e Gabriel Fernández. O partido púxose aínda máis complicado coa derrota de Amaia Torralba no primeiro duelo individual. Con todo, a sufrida vitoria do debutante Gabriel Fernández, unida ás de Carbón e Brea serviron para culminar a remontada.
No segundo cruzamento fronte á escuadra asturiana, o Ravachol soubo aproveitar as baixas dos visitantes para gañar os tres primeiros duelos de dobres e encarrilar un triunfo que selou Manuel Brea no quinto partido despois da derrota de Amaia Torralba.
A xornada do domingo serviu para certificar o pleno de vitorias para o equipo da Boa Vila, que gañou ao CB Estella grazas ás vitorias no dobre masculino, con Nogueira e Brea; no individual feminino, con Carbón; no individual masculino, con Brea; e no dobres mixto; con Nogueira e Carbón. Coa vitoria xa no peto, o duelo pechouse cos triunfos de Amaia Torralba e Gabriel Fernández.
Despois desta vitoria, o Ravachol Pontevedra sitúase en segunda posición da táboa con 33 puntos, a tres do CB Oviedo B, que é primeiro, e tres puntos por encima do seu inmediato perseguidor, o CB Granollers. A falta dos tres últimos enfrontamentos da liga, que se disputarán en Xixón durante os días 25 e 26 de xaneiro, os pontevedreses atópanse nunha situación de privilexio para lograr o ansiado ascenso.
"Estamos moi contentos cos resultados da fin de semana, comezamos sufrindo pero descubrimos que hai un novo guerreiro no equipo. O debut de Gabi foi para enmarcar. Agora estamos nunha situación moi vantaxosa, xa que na última xornada enfrontámonos ao último e penúltimo clasificados. Se facemos nosa parte e gañamos os tres enfrontamentos que quedan teremos asegurada a nosa presenza en División de Honra a próxima tempada", declarou o adestrador do primeiro equipo, Jesús Pereiro, ao concluír a xornada.
Relacionadas:
-
O Bádminton Ravachol pide á Federación non xogar o playoff e que confirme xa o seu ascenso a División de Honra
Por Manu Otero |
-
O Ravachol reclama o seu sitio na elite do bádminton español
Por Manu Otero |
-
Ponteareas, parada para o Ravachol Pontevedra nunha importante xornada de liga
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol pecha o ano terceiro tras unha fin de semana sen erro en Navarra
Por Redacción |