Cuarto posto para o equipo feminino da Gimnástica na Copa de España
Por Redacción
A Sociedad Gimnástica de Pontevedra desprazouse esta fin de semana a Madrid para disputar a Copa de España. O Estadio de Vallehermoso acolleu o evento que comezou ás 10:30 horas deste sábado coa competición feminina.
A proba coa que se abriu este campionato de clubs foi o lanzamento de martelo, onde Iria Filgueira fixo un mellor lanzamento de 39,65 metros co que quedou sétima. Ao mesmo tempo, disputouse o salto con pértega. A moza debutante Helena Suárez saltou un máximo de 2,40 metros que a colocou en oitava posición.
O primeiros oito puntos que obtivo a Gimnástica chegaron da man de Antía Chamosa nos 5.000 metros marcha. A atleta internacional competiu soa de principio a fin e chegou a meta cunha marca de 23:41.31, o que supuxo o seu mellor marca da tempada e récord do club.
Poucos minutos máis tarde, chegou o segundo primeiro posto. Joselyn Brea que, saíndo como un foguete, cruzou a liña de meta nun tempo de 9:23.72, indo soa os 3.000 metros. A triatleta conseguiu, ademais, o premio como mellor atleta do encontro polo gran rexistro obtido que supón récord de Venezuela.
Pola súa banda, Marta Barragáns, cun mellor intento de 5,18 metros logrou a quinta posición en salto de lonxitude, mesmo resultado que obtiveron as dúas compañeiras de adestramento, Claudia Puig en lanzamento de disco (33,80 metros), e Andrea González en xavelina (39.49 metros).
Sandra Carballo rascou un punto máis para o club en lanzamento de peso, xa que, cun rexistro de 11,19 metros quedou cuarta clasificada. Esta marca obtida no primeiro intento supón a súa mellor marca persoal. Ás portas do podium tamén quedou Andrea Villaverde que, en salto de altura fallou sobre 1,55 e quedou con 1,50 metros.
En 400 metros, Eugenia Gil acabou segunda, realizando o seu mellor marca da tempada (57.88). A súa compañeira Iris Vilches na mesma distancia, pero con valos, fixo 1:09.39. Paula de la Torre, pola súa banda, parou o cronómetro en 2:20.20 en 800 metros, entrando na meta en quinto lugar.
En velocidade, Claudia Torres fixo 26.84 nos 200 etrosl, mentres que nos 100 metros, tanto lisos como en valos, as dúas atletas conseguiron superar as súas marcas desta tempada. Nos lisos, Cristina Garrido, que presentaba unhas molestias no xeonllo que lle imposibilitaron adestrar en condicións esta semana, fixo un tempo de 12.44 chegando á meta no terceiro posto e, en 100 metros valos, a súa compañeira de adestramento Lucía Ferrer achegouse á barreira dos 15 segundos parando o cronómetro en 15.06. Por último, Sharay Astariz fixo un rexistro de 5:09.93 nos 1.500 metros.
Os dous últimos resultados antes dos relevos foron dous segundos postos de Eva Arias e Alba Cuns. A primeira fixo 11:17.18 nos 3000 metros obstáculos, nunha proba na que foi soa case toda a carreira, xa que a primeira clasificada escapouse aos poucos instantes do pistoletazo de saída. A segunda, cun concurso bastante regular, fixo un mellor intento de 11.98 metros.
Con estes resultados, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra chegou aos relevos en quinta posición con 82 puntos, empatadas co Tenerife Caja Canarias, que serían cuartas. Por tanto, as dúas últimas probas foron determinantes.
En relevo curto, composto por Lucía Ferrer, Cristina Garrido, Claudia Torres e Alba Cuns, chegaron á meta en segunda posición (48.57), achegando sete puntos máis ao club. Desta forma, cun total de 89 puntos, o club pontevedrés escalou ata o terceiro posto, empatado co CA Valladolid. Con todo, o relevo 4×400 foi decisivo. Eugenia Gil, Iris Vilches, Paula de la Torre e Joselyn Brea fixeron as catro voltas nun rexistro total de 4:10.79, quedando sextas clasificadas.
Finalmente, o equipo feminino da Sociedade Gimnástica de Pontevedra conseguiu un total de 92 puntos e o cuarto lugar nunha competición onde se enfrontaron a equipos de División de Honra, a máxima categoría nacional e os mellores de Primeira División. Santi Ferrer, director técnico do equipo feminino, mostrouse "moi satisfeito cos resultados e as marcas obtidos despois deste ano tan complicado".
Pola súa banda, o equipo masculino do club sairá á pista o domingo.
Relacionadas:
-
Dous atletas da Gimnástica conquistan o nacional de federacións autonómicas
Por Redacción |
-
Nove atletas da Gimnástica competiron no Campionato de España celebrado en Madrid
Por Redacción |
-
Ouro para Antía Chamosa e prata para Jean Marie Otuku no Campionato de España de Atletismo
Por Almu Dapena |
-
Outro cuarto posto para a Gimnástica na Copa de España, esta vez co equipo masculino
Por Almu Dapena |
-
A Gimnástica, satisfeita co resultado dos seus atletas no Campionato Galego Absoluto
Por Redacción |
-
Atletismo na Ponte do Burgo para celebrar a IV edición do Saltar na Rúa
Por Redacción & Cristina Saiz |