Ao Teucro escápaselle a vitoria e acaba empatando ante o Sant Martí de Adrianenc (29-29)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
A Sociedade Deportiva Teucro segue sumando de un en un tras lograr este sábado no Pavillón Municipal o seu cuarto empate esta tempada. Os de Irene Vilaboa recibiron ao Sant Martí de Adrianenc para disputar o partido aprazado correspondente á xornada 3 de División Honra Prata.
O encontro comezou en igualdade de condicións onde cada ataque anotado polo Teucro foi respondido polo Adrianenc ata alcanzar o minuto 8, momento no que o erro no lanzamento dos locais foi aproveitado polo seu rival para poñerse por diante, logrando unha diferenza de ata 3 goles ao chegar ao ecuador da primeira metade (6-9).
Nese momento a diferenza puido ser maior. Con todo, o conxunto catalán fallou o seu lanzamento e deu paso a un contragolpe no que Miguel Sío lanzou ao interior da rede (7-9). Nese momento chegaron os mellores minutos dos de Irene Vilaboa que empezaron a sacar tallada dos erros do rival para, con xogadas rápidas, pillalos descolocados e dar a volta ao partido cando se alcanzaba o minuto 20 (10-9).
Dese xeito, o Teucro parecía que podía facer dano ao Adrianenc, logrando unha lixeira vantaxe grazas aos tantos de Samu Pereiro e Manu Iglesias ( min 25, 13-10). Con todo, non foron capaces de aguantar e, nos minutos finais do primeiro acto, dous erros consecutivos foron aproveitados polo rival para igualar a contenda, dando paso un último ataque que Manu Iglesias non dubidou en enviar á rede (14-13).
A segunda parte foi un fiel reflexo da primeira. A igualdade estivo presente ata que o Adrianenc apertou o acelerador para realizar un parcial de 0-3 cando se alcanzaba o minuto 9 de xogo. Con todo, o Teucro respondeu rapidamente e, cos goles de Remeseiro e Roi Sierra recortaron distancias (19-20).
Non foi ata o minuto 16 cando os de Irene Vilaboa igualaron a contenda por mediación de Victor Deco (22-22). Os erros en ataque estaban presentes por parte de ambos os conxuntos, que se mostraban nerviosos á hora de finalizar as xogadas.
Alcanzábase a recta final e Roi Sierra enviaba á rede o seu lanzamento que de novo poñía aos de Pontevedra por diante, pero o equipo contrario respondía da mesma maneira e devolvía a igualdade (27-27).
O Teucro colleu aire no último minuto coa parada de Fede Wermbter e defendendo con inferioridade numérica. Nese momento o ataque foi para os de Pontevedra que, cun gran lanzamento de Manu Iglesias puxo o 29-28 a falta de 30 segundos para que soase a bucina.
O técnico visitante pediu tempo morto e ao Teucro só quedáballe defender ben. Non foi así e Cisneros igualou. Quedaban 11 trepidantes segundos e esta vez foi Irene Vilaboa a que parou o cronómetro para buscar o gol que lles dese a súa primeira vitoria esta tempada.
Marko Dzokic buscou a Manuel Iglesias no extremo dereito pero o seu lanzamento acabou estrelado na madeira selando así o terceiro empate para a Sociedade Deportiva Teucro.
Consulta as estadísticas do partido entre a Sociedade Deportiva Teucro e o Sant Martí de Adrianenc.
Relacionadas:
-
O Teucro, liberado tras o seu primeiro triunfo, márcase a permanencia como meta da primeira fase da liga
Por Manu Otero |
-
O Teucro pon fin á súa mala serie e atópase coa vitoria á conta do Lalín (26-30)
Por Almu Dapena |
-
O Teucro, a pola súa primeira vitoria da tempada en Lalín
Por Redacción |
-
O Teucro estrélase co Alicante e segue sen ver a vitoria esta tempada (29-31)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
Xornada clave para o Teucro coa visita ao Municipal do Sporting Alicante
Por Redacción |
-
Tarde de terror para un Teucro negado ante un moi superior Barcelona B (47-24)
Por Almu Dapena |
-
Un Teucro de dúas caras logra o empate no derbi ante o Atlético Novás (27-27)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Irene Vilaboa é recibida na Subdelegación do Goberno como referente da igualdade no balonmán
Por Redacción |