Un combativo Cisne roza os puntos en Valladolid pero termina cedendo (29-26)
Por Diego Espiño
Faltou continuidade, acerto en momentos clave ou quizais algo de gas nalgúns instantes tras o descanso, e iso ante un equipo como o Atlético Valladolid acábase pagando con derrota (29-26). Fíxoo o Dicsa Modular Cisne, a pesar do bo nivel exhibido no comezo do encontro e durante boa parte dos 60 minutos que dá motivos para pensar en sumar puntos en próximas xornadas.
Despois de tantas semanas pensando na falta de efectivos debido principalmente á Covid, por fin o conxunto pontevedrés contaba con practicamente todo o seu plantel dispoñible, e iso notouse na intensidade do equipo especialmente a nivel defensivo durante o acto inicial, non decaendo coas rotacións.
Ese bo facer do 6-0 na retagarda fixo que os locais se sentisen incómodos durante toda a primeira metade, en especial cando pecharon a conexión co pivote que nos primeiros instantes puxo en apertos aos de Jabato. A partir de aí, e tras un inicio de dominio mínimo do Valladolid, foi o Cisne o que impuxo o ritmo tirando do marcador.
Cun roubo de Andrés Sánchez e gol á contra, no minuto 8, lograba a súa primeira vantaxe (3-4), unha inercia que se mantivo durante case todo o primeiro acto, tamén pola axuda dun acertado Jorge Villamarín en portería.
A máxima dos brancos chegou a ser de dous goles (6-8 e 7-9), pero aínda que tivo ocasión o Cisne non logrou aumentar esa renda ante un rival que se resistía a ser dominado e que aproveitou dúas imprecisións consecutivas en ataque para empatar (10-10) e despois fixo valer unha exclusión de Alejandro Conde para irse ao descanso cunha mínima vantaxe (12-11).
Se a primeira parte foi das defensas a segunda tomaron a testemuña os ataques, empezando o equipo local con dous goles consecutivos que parecían presaxiar malas noticias para os pontevedreses. Con todo os de Jabato aceptaron o intercambio de golpes para poñerse de seguido a un de distancia.
O encontro converteuse nun ida e volta, cun matiz. O Valladolid cambiara a súa portería dando entrada a Carlos Calle, e ese cambio terminou resultado decisivo. O gardameta terminou desesperando a un Cisne que desaproveitou varias ocasións para empatar vendo como a continuación o seu rival penalizaba ese erro ampliando a súa vantaxe.
A tendencia empezaba a resultar cada vez máis favorable aos valisoletanos, algo que se fixo máis evidente despois de dúas dobres exclusións consecutivas ao Cisne, a segunda tras un erro no banco permitindo a entrada a destempo de Javi Vázquez (26-20, minuto 50).
Parecía o fin, e con todo cando menos se esperaba o Dicsa Modular sacou forzas de fraqueza e agarrouse ao partido. Primeiro con dous goles de Picallo e Daniel Ramos e despois cunha defensa aberta e adiantada que fixo cortocircuitar aos locais. Así se sucederon varios erros que acabaron con dous roubos consecutivos e goles a porta baleira dun Cisne que nese momento xogaba en superioridade numérica e que anotou un parcial de 0-5 ao seu favor (26-25). Faltaban pouco máis de 5 minutos para o final e de novo os puntos estaban ao alcance da man.
Ugarte no pivote deu aire ao Valladolid, pero Gayoso recortou de novo a distancia a un. Era o momento. Un novo roubo en defensa daba a oportunidade de ter posesión para empatar, e aí apareceu o heroe local en portería, Carlos Calle, para acabar coa revolución. Despois chegaría uns 7 metros forzado por Adrián Fernández e anotado por Serrano xunto a un erro de Chan ao escapárselle un balón que enterraba definitivamente as opcións galegas de rascar algo do Huerta del Rey.
Ao final o marcador reflectiu un 29-26 que debe servir ao Cisne para pensar que, con ese nivel de loita, é capaz de puntuar na maioría de canchas da Liga Asobal. Falta faille a un equipo que quedou estacando con dous puntos na clasificación.
Consulta as estatísticas do Recoletas Atlético Valladolid-Dicsa Modular Cisne.
Relacionadas:
-
O Cisne desaparece antes do descanso e encaixa unha nova derrota en Guadalaxara (37-20)
Por Manu Otero |
-
O maratón de partidos do Cisne fai escala en Benidorm
Por Manu Otero |
-
As lesións castigan o Cisne nunha semana de maratón: tres partidos en oito días
Por Almu Dapena |
-
O Bidasoa esmaga a un Cisne impotente (21-31)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Bidasoa recibe permiso para viaxar a Pontevedra a pesar da detección dun caso de Covid no seu plantel
Por Diego Espiño |
-
Valladolid, primeira parada na maratón de partidos do Cisne ata final de mes
Por Diego Espiño |
-
Asobal valora opcións para acabar a liga se seguen os aprazamentos por covid, entre elas anular os descensos
Por Diego Espiño |
-
A Selección Española trastorna os plans do Cisne e pospón a súa viaxe a Logroño
Por Diego Espiño |
-
Un bo Cisne planta cara ao 'todopoderoso' Barcelona (27-43)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |