Jesús Ramos: "Nunca dixen que o 4-4-2 fose ser sempre, sempre, sempre"
Por Manu Otero
O Pontevedra retoma este domingo a competición, ás 17 horas en Pasarón fronte ao Salamanca CF, despois dunha semana sen liga que o corpo técnico granate aproveitou para corrixir, mellorar e evolucionar o xogo ofensivo e defensivo do equipo. "Estas dúas semanas servíronnos para preparar cousas que no día a día non se poden facer e para recargar pilas", sinalou o adestrador do primeiro equipo, Jesús Ramos.
Un parón que serviu para centrarse en corrixir defectos e potenciar virtudes. Necesidades difíciles de encaixar durante o curso. "Hai semanas que se traballa un pouquiño máis en base ao rival, esta semana estivemos máis pendentes de nós e de mellorar aspectos que cremos que debemos mellorar", admitiu o preparador marinense.
Neste sentido, é consciente Ramos de que "levamos só dous meses e medio adestrando e hai que ir evolucionando, se á cuarta xornada todo fose perfecto sería marabilloso". Un dos puntos nos que os granates centraron a súa atención durante estes 14 días sen partidos foi na variedade táctica tanto en fase ofensiva como defensiva. "No aspecto ofensivo e defensivo, hai que mellorar", asume o técnico.
Nos catro partidos disputados ata o momento polo Pontevedra houbo algo que permaneceu inmutable durante a práctica totalidade dos minutos, que foi a disposición dos xogadores nun esquema 1-4-4-2. Debuxo que Jesús non considera para nada innegociable. "Nunca dixen que o 4-4-2 fose ser sempre, sempre, sempre", salienta.
Con todo, polo momento considera que é o mellor sistema para aproveitar as virtudes do seu plantel. "Temos xogadores que son moi versátiles e dous dianteiros da talla de Rufo e Charles. Evidentemente una das prioridades é xogar no contexto no que estamos, con bos centradores, bos mediocentros e bos puntas. Non imos desprezar as nosas armas, pero tampouco quere dicir que vaiamos xogar sempre co 4-4-2", explica o adestrador que aínda non coñece a derrota desde que asumiu o mando do primeiro equipo.
Co obxectivo de truncar ese refacho chegará o domingo a Pasarón o Salamanca. "De catro perderon tres, pero na Coruña mereceron mais", comenta Ramos sobre a irregular marcha do próximo rival dos granates.
Recoñece Ramos que os salmantinos "alternan momentos nos que defensivamente ten algún problema", pero advirte de que "ao contragolpe e no xogo combinativo son bos. Teñen xogadores de moita calidade no medio campo, o Puma Chávez arriba é moi potente e peleón. Ademais estarán doídos porque están construídos para estar arriba e virán a Pasarón a poñer as cousas dificiles e rascar puntos", alerta.
Non quixo entrar a valorar o técnico marinense os problemas clasificatorios e económicos que atravesa o Salamanca. "Cada un na súa casa saberán como están, nós preocupámonos do noso a seguir evolucionando e mellorando para seguir sumando puntos", insiste.
Un dos principais atractivos do partido era o reencontro co exgranate Nacho López. "Oxalá que poida vir e xogar" afirmou Ramos sen despistarse do obxectivo principal, que é sumar os tres puntos. "Despois do partido, todos amigos", engadiu. Aínda que finalmente o lateral asturiano quedouse fóra da convocatoria e o seu regreso a Pasarón terá que agardar polo menos unha tempada máis.
Mentres tanto, as augas no Salamanca baixan cada día máis revoltas. Na rolda de prensa previa á viaxe a Pontevedra, o adestrador Sergio Egea abandonou a sala molesto por unha pregunta dos xornalistas sobre se o equipo tiña présas por sumar un triunfo despois de só unha vitoria en catro xornadas.
Antes, evitara sinalar ao Pontevedra como un dos favoritos para estar no máis alto da táboa. "“Hai varios. Todos os equipos están moi ben compostos. A xente hase esmerado e obsérvase que os equipos compiten da mellor maneira", sinalou sobre o perigo dos granates. Tampouco considera o técnico arxentino que sexa máis difícil sacar puntos en Pasarón que en calquera outro campo da categoría. "Todos os campos son complicados. Concentración, moita atención e saber a quen representas. O persoal é boa e hai que reflectilo nos partidos", rematou.
Relacionadas:
-
Rufo sacia a súa sede de gol confiado en que a partir de agora "cheguen máis seguidos"
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra recupera a Romay e poderá volver contar con Cruz a próxima semana
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra recupera a Romay e poderá volver contar con Cruz a próxima semana
Por Manu Otero |
-
Unha lesión pon en dúbida a volta de Nacho López a Pasarón
Por Manu Otero |
-
Álex González, granate do mes
Por Manu Otero |
-
Semana sen xornada para o Pontevedra, pero coa rutina habitual
Por Redacción |
-
Dous goles anulados evitan o triunfo en Zamora dun Pontevedra que xogou unha hora en superioridade (0-0)
Por Diego Espiño |
-
Jesús Ramos sobre o empate do Pontevedra ante o Zamora: "visto lo visto creo que hemos perdido dos puntos"
Por Almu Dapena |