O prazo para inscribirse na escola deportiva de fútbol de Poio remata o 14 de xaneiro
Por Redacción
Durante o próximo mes de xaneiro está previsto que se inicien algunhas das disciplinas das Escolas Deportivas municipais que aínda non comezaron a tempada, como consecuencia da situación provocada pola pandemia.
As modalidades de fútbol, triatlón e ximnasia rítmica estarán en funcionamento nese mes. A concelleira de Deportes Marga Caldas afirma que a intención do goberno local é que as sesións, que estarán adaptadas ás medidas de seguridade e protocolos establecidos polas diferentes federacións, comecen durante a segunda quincena de xaneiro. Está previsto que a tempada se prolongue ata finais do mes de xuño, sempre que as condicións sanitarias xerais así o permitan.
En fútbol, unha das modalidades máis demandadas, os adestramentos das distintas categorías serán de martes a venres. A maioría das sesións realizaranse no campo da Seca. O prazo para apuntarse ás categorías de Prebenxamín, Benxamín 8, Alevín 8, Alevín 11, Infantil A e B, Cadete e Xuvenil estará aberto ata o luns 14 de xaneiro. Só van iniciarse as modalidades de fútbol en exterior e suspéndese a liga Biberón, ademais dos adestramentos no interior das instalacións para garantir a seguridade dos participantes.
Outras disciplinas das Escolas Deportivas iniciáronse no mes de novembro, atendendo aos protocolos de seguridade de maneira estrita, a través de sesións sen contacto corporal e con uso da máscara.
No caso de que se rexistre algún contaxio, utilizarase o mesmo protocolo que o utilizado nos centros educativos cando se detecta un caso positivo. Segundo explica Marga Caldas, se aposta por adestramentos a porta pechada nos que non existe contacto, sen uso de vestiarios e non se permitirá o acceso de persoas ás instalacións municipais, que se manterán pechadas ao acceso de público.