A SCD Salcedo, a favor da volta do fútbol de base porque "as estatísticas avalan o baixo índice de contaxios"
Por Diego Espiño
A decisión de varios clubs importantes da comarca como Céltiga, Vilalonga ou Marcón, entre outros, de non inscribir aos seus equipos para a tempada 20/21 ao considerar que a pandemia fai insegura e inviable a competición do fútbol rexional e de base, supuxo un impacto importante para o deporte pontevedrés.
Con todo tamén empezaron a xurdir outras voces que piden a continuación da actividade, por exemplo a SCD Salcedo.
O club pontevedrés, a través dun comunicado da súa xunta directiva, si se mostra conforme co regreso do fútbol autonómico "polo menos nas categorías de fútbol base", explican baseándose en que "na maioría das comunidades iniciáronse as competicións e as estatísticas avalan o baixo índice de contaxios que se producen no noso deporte".
"Cremos, sen querer entrar en polémicas con outros sectores, que é moito máis importante e saudable no día a día dos nosos nenos a práctica do seu deporte favorito que outras actividades que si realizan", argumenta o Salcedo engadindo que "tendo en conta que é un deporte que se practica ao aire libre, e que o nivel de contacto é inferior a outros deportes que na nosa comunidade está a permitirse a súa realización, o fútbol ten un risco menor pola ventilación e dimensións do terreo en que se practica".
Iso si a entidade, con máis de 70 anos de historia, entende que se deben tomar rigorosas medidas de control establecidas nun protocolo de seguridade no que se prohibe compartir zonas comúns e ínstase á utilización de máscara, xeles desinfectantes ou controis de temperatura.
En todo caso "a Real Federación Galega de Fútbol debe facilitar diferentes opcións para a competición e ter en conta a relación (TEMPO = CUSTO) para que os clubs podamos valorar se é factible a participación na tempada 2020/2021", conclúe a xunta directiva do Salcedo.
Relacionadas:
-
Terremoto no fútbol pontevedrés: Marcón e Vilalonga secundan o Céltiga e anuncian a súa renuncia á tempada 20-21
Por Diego Espiño |
-
O Céltiga renuncia a competir esta tempada "dada a angustiosa situación sanitaria"
Por Diego Espiño |
-
A COVID devolve a actividade ao campo do Casal, ao que regresan os equipos da SCD Salcedo
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO- O SCD Salcedo denuncia un vertedoiro ilegal na contorna do campo de fútbol da parroquia
Por Redacción |