Exilio do Pontevedra Rugby Club para o seu debut na Divisón de Honra B feminina
Por Manu Otero
O 10 de xaneiro será un día histórico para o Pontevedra Rugby Club. O seu equipo feminino xogará na Divisón de Honra B por primeira vez e farao como local ante o BUC Barcelona. Con todo, un atraso administrativo na homologación do campo de Monte Porreiro obrigará ao conxunto pontevedrés a subirse ao autobús para efectuar o seu debut na segunda categoría nacional no campo ourensán de As Lagoas.
"Débese a certos problemas de homologacion do campo para a Federación Española de Rugby. Esperamos que se solucionen para o próximo partido en casa", explicou a PontevedraViva o presidente do club, Félix Álvarez. O atraso débese a que "falta o informe dun laboratorio especializado, por ser de herba artificial", puntualizou o dirixente confiado en que todo estará resolvido para a próxima xornada.
A confirmación do salto do rugby pontevedrés á elite nacional produciuse a mediados de decembro do 2020, cando o PRC fixo oficial a aceptación da vacante deixada polo Muralla de Lugo. Un feito que permitiu facer realidade unha vella aspiración da directiva do club, a de crear un equipo feminino a nivel nacional.
Con sete xornadas por diante nunha liga a unha única volta, o obxectivo do PRC é o de evitar o descenso, que sufrirá o equipo que quede clasificado en última posición. Se conseguen este obxectivo, "estou convencido de que hai vimbias para manter un proxecto serio", asegura o presidente Félix Álvarez.
Relacionadas:
-
As xogadoras do Pontevedra Rugby Club, en corentena por un positivo por Covid no seu último rival
Por Diego Espiño |
-
Melloría do Pontevedra Rugby Club pero nova derrota na súa segunda xornada na División de Honra B
Por Redacción |
-
Dura derrota do Pontevedra Rugby na súa estrea na División de Honra B Feminina (0-94)
Por Redacción |
-
O Pontevedra Rugby Club dá o salto á División de Honra B Feminina: "é unha gran oportunidade"
Por Diego Espiño |