Pontevedra presume das súas "heroínas" deportivas nun documental
Pasado, presente e futuro da elite do deporte feminino pontevedrés xúntase no documental Pontevedra gaña con elas, unha peza audiovisual que analiza o difícil camiño que tiveron que percorrer para triunfar nas súas disciplinas deportivas e obter o recoñecemento que merecen.
O documental, impulsado pola concellería de Deportes, está producido por Miguel Riaño, guionizado pola xornalista Silvia Vieito e editado polo realizador Fernando Portela.
Este traballo recolle en algo máis de media hora a loita, os éxitos profesionais e os avances acadados durante as últimas décadas por varias deportistas da cidade. Faino a través de entrevistas con algunhas destas mulleres.
Ana Penas, a primeira muller pontevedresa en participar nunha olimpíada, encabeza este documental xunto a deportistas como Teresa Portela, Bea Gómez, Lydia Pérez, Chus Sanguos, Silvia Aguete, Paula Carballido, Águeda Cons, Nieves Gamallo, Mayte Méndez ou Charo Castro.
Na súa presentación, o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, destacou que este documental pretende ser unha "humilde homenaxe" a todas estas mulleres que abriron o camiño do deporte feminino en Pontevedra.
"Son heroínas no amplo sentido da palabra, da primeira á última", engadiu Fernández, que lamentou que a pesar do esforzo de todas elas "seguen a estar moito menos consideradas do que se merecen, seguen a padecer discriminacións e cada paso que se avanza no deporte feminino supón un esforzo moito maior que o que fai falla para avanzar no masculino".
Miguel Riaño explicou que o documental foi "bastante complexo" a nivel de documentación, precisamente porque o deporte feminino "ten un grao de invisibilización bastante grande".
Para o seu equipo, subliñou o produtor, "foi un reto fuxir dos deportes que posúen un maior peso na sociedade" e darlle unha representación multidisciplinar, tanto dende o punto de vista dos deportes como das diversas perspectivas: "preparadoras, deportistas e mesmo das nais".
A estrea do documental será o vindeiro venres 15 de xaneiro ás 20:00 horas no Teatro Principal. A entrada será de balde e estará restrinxida, previa inscrición a través do correo electrónico info@metropolis.coop, a un máximo de 30 persoas.
Tras a proxección haberá un coloquio moderado pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, e no que tomarán a palabra algunhas das deportistas que participaron no documental.