O Club Padel O Grove denuncia trato discriminatorio cara o seu equipo feminino por parte do Concello
Por Redacción
O Club Padel O Grove denuncia trato discriminatorio por parte do Concello meco. A entidade deportiva fai público o seu malestar pola negativo do goberno local a ceder as instalacións municipais ao equipo feminino do club nas mesmas conciciones de pago e reserva que ao equipo masculino. "Discrimínaas e obrígaas a reservar pista de maneira individual para adestramento do equipo", acusan desde o club nun comunicado remitido aos medios de comunicación.
A directiva asegura que cumpren con todas as medidas sanitarias, de prevención e protocolos para evitar contaxios por covid-19 nas instalacións municipais durante as sesións de adestramento. "Non entendemos as razóns polas que impón a concellería de Deportes a limitación de días e horas para o adestramento", cuestionan.
"Somos o único club que paga as instalacións públicas por adestrar", continúa o comunicado no que denuncian que, a pesar de cumprir o requisito de ter deporte de base para conseguir a exención das taxas, continúan pagando polo uso destas instalacións. "Non entendemos que se nos diga por parte da concellería que é ilegal por parte do club pretender crear deporte base para que os nenos poidan aprender a xogar ao padel", engaden.
"A postura da concellería de Deportes de cara ao Club Padel O Grove Team é discriminatoria e impídenos cumprir coas ordenanzas aprobadas e publicadas por este concello", denuncian desde o club.
Á marxe do trato, a entidade asegura tamén que as condicións destas instalacións empeoraron como consecuencia da "mala xestión". Alertan de que se reduciron as horas e días de clases por falta de monitores, o mantemento das pistas é inadecuado e a aplicación de reservas non permite usar as instalacións se o ususario non conta cun abono.
O Club Padel O Grove Team é un equipo federado que compite na Liga Galega e nas Series Nacionais de Padel con máis de 70 licenzas federativas e máis dun centenar de socios. Conta tamén con tres equipos masculinos integrados por 52 xogadores e un feminino, con 18 xogadoras.