Marín dá a luz a Padelasga, asociación de xogadores de pádel de Galicia
Por Manu Otero
A biblioteca Vidal Pazos de Marín foi o escenario elixido para a presentación en sociedade do colectivo Padelasga (Padel Asociado Gallego), unha asociación que bota a andar despois do éxito de participación cultivado durante o pasado inverno e primavera da primeira edición da liga Ranking Pádel de Pontevedra, unha competición repartida en catro categorías (Pro, Ouro, Prata e Bronce) na que tomaron parte un centenar de xogadores.
Esta presentación serviu para expoñer todas as actividades que se desenvolverán ao amparo de Padelasga durante a tempada 2021/22, así como para dar a coñecer a camiseta que se usará durante as competicións. A cita rematou coa entrega de premios aos mellores xogadores de cada categoría.
O nacemento de Padelasga enmárcase na inquietude dun grupo de persoas interesadas en promover a práctica do pádel a nivel amateur por toda Galicia. Céntranse principalmente na comarca de Pontevedra e o seu obxectivo pasa por atender a ampla demanda que actualmente existe na comunidade autónoma e a organización de actividades socio-deportivas relacionadas co lecer e o pádel.
A medio prazo, o colectivo márcase como meta a organización de probas deportivas, lúdicas e sociais no marco do pádel; solicitar ás institucións a construción de pistas públicas para a práctica da disciplina e a procura de patrocinadores.
Con respecto ás actividades principais proxectadas pola entidade, ademais de manter as competicións que se estaban celebrando ata o momento, levará a cabo un programa de intercambios con outros territorios como Asturias ou Portugal.
Padelasga xa traballa tamén para deseñar unha programación que permita combinar a práctica do pádel co golf.