Luisito aposta pola continuidade fronte o Compostela: "Moitos cambios non vai haber"
Por Diego Espiño
A imaxe, sensacións e tamén resultados do Pontevedra Club de Fútbol cambiaron radicalmente en só 10 días, por iso facendo caso á máxima de que o que funciona, mellor non tocalo, o novo técnico granate aposta pola continuidade. Iso aínda que por primeira vez puidese gozar dunha semana completa de traballo cos xogadores, sen partido entre semana.
"Moitos cambios non vai haber", confirma Luisito horas antes de recibir este domingo 21 de febreiro (17.00 horas, TVG2) á Sociedade Deportiva Compostela no Estadio Municipal de Pasarón noutra nova final para os pontevedreses, e é que fronte a eles estará o actual cuarto clasificado, con 20 puntos, polos 18 que atesouran os locais.
Un triunfo pode resultar clave non só na escalada na clasificación que persegue o Pontevedra, senón na pelexa por meterse a próxima tempada na Segunda B PRO ou Primeira RFEF, xa que superaría a un rival directo e gañaríalle o average, consolidándose entre os 6 primeiros á espera que algún erro dos primeiros clasificados abra a posibilidade de mirar cara ao terceiro chanzo.
Pero iso a día de hoxe é case unha quimera, e por iso o adestrador non quere ver máis aló do Compostela, un rival que da man de Yago Iglesias está a callar unha gran tempada no seu regreso á categoría de bronce e que só perdeu dous encontros no que vai de tempada.
"Teñen un mérito tremendo, pero a min non me sorprende nada o que están conseguindo", asegura Luisito.
O preparador espera a un bloque santiagués ao que lle gusta ter e balón pero que "onde son mortais é nas transicións ofensivas" porque "cando rouban o balón teñen xogadores moi verticais e fanche moito dano" analiza sobre un dos aspectos que quere ter controlados sobre o céspede de Pasarón.
Coa única dúbida ata última hora de se Churre entra finalmente na lista de convocados, o Pontevedra afrontará a cita coas baixas por lesión xa coñecidas de Adrián Cruz e Romay.
O colexiado do encontro será o valenciano Iván Caparrós Hernández, na primeira vez que visitará o Estadio Municipal de Pasarón desde que arbitra na Segunda División B.
Relacionadas:
-
Churre apura as súas opcións de entrar na convocatoria fronte ao Compostela
Por Diego Espiño |
-
Mario Fernández ve o Pontevedra "con la moral muy alta" tras saír da súa mala serie de xogo e resultados
Por Diego Espiño |
-
O cambio de Rufo en Salamanca, só por precaución
Por Diego Espiño |
-
Rufo e Charles enganchan o Pontevedra á liga remontando ao Salamanca (1-3)
Por Diego Espiño |