O piragüismo pontevedrés, entre os mellores no Campionato de España de Novas Promesas en Banyoles
Por Redacción
O Campionato de España de Novas Promesas de piragüismo, celebrado a fin de semana na localidade catalá de Banyoles, contou cunha notable participación de deportistas e clubs pontevedreses entre os seus preto de 800 rexistrados nas categorías infantil e cadete.
En total participaron ata 92 clubs, sendo o noveno mellor de todos eles o Club Piragüismo Verducido-Pontillón (1.135 puntos), coa EP Ciudad de Pontevedra na undécima posición (1.089 puntos), o CP Portonovo no posto 15º (802 puntos) ou o Piragüismo Poio-Pescamar no 17º (765 puntos).
A nivel individual foron 15 as medallas con cor galega, entre elas varias de deportistas da comarca.
Lara Remigio (Breogán do Grove) e Carola Ucha (Ciudad de Pontevedra) foron ouro e prata respectivamente na categoría Infantil A C1, mentres que na idade Infantil B Gael Bernal (Verducido-Pontillón) conseguía a prata no K1 e Sofía Parada (Piragüismo Cambados) conseguía o bronce, tamén en K1.
Na categoría Cadete A, na proba de canoa individual, Alba Rodríguez (Piragüismo Poio) lograba a medalla de prata, do mesmo xeito que en kaiak Lucía Tenreiro do (Piragüismo Illa de Arousa), e por último David Pazos (Piragüismo Verducido) facíase co bronce.