Aprazada por segunda vez a última xornada da Liga Nacional Xuvenil na que o Pontevedra xógase o ascenso
Por Redacción
Nunha tempada aciaga para o primeiro equipo, as categorías inferiores do Pontevedra Club de Fútbol pelexan por dar alegrías ao club, co filial pelexando por meterse na Terceira RFEF e o xuvenil por subir a División de Honra.
Precisamente este último obxectivo, o ascenso a División de Honra, depende dunha última xornada de infarto na Liga Nacional, xornada que acaba de ser aprazada por segunda vez por un gromo de covid no RC Deportivo B, líder do grupo.
Nin o Deportivo nin o Celta B poden ascender a pesar de ocupar os dous primeiros lugares, pero os seus resultados si que condicionarán ao resto. Desta forma, e co Compostela xa ascendido, a segunda praza que dá acceso á máxima categoría ocúpaa actualmente o Pontevedra con 39 puntos, polos 38 que acumula o Coruxo e os 36 do Alondras.
Precisamente o Coruxo-Deportivo B é o duelo suspendido por segunda vez en atención ao protocolo covid, xa que fora fixado para este mércores 19 de maio.
Mentres este encontro non se poida disputar a Real Federación Española de Fútbol pospuxo á súa vez a última xornada de liga para non adulterar a competición.
Desta forma ese último partido para os granates, fronte ao Alondras, e que debía disputarse este domingo 23 ás 12.00 horas, disputarase previsiblemente e a falta de confirmación o día 30 de maio, do mesmo xeito que o Arosa-Coruxo e o Deportivo B-Celta B que decidirá ao campión de grupo.
Para depender de si mesmo na data definitiva, os granates necesitan que o Deportivo B venza o Coruxo no duelo aprazado, despois de encadear tres xornadas consecutivas sen gañar que dilapidaron a renda que tiñan sobre os seus inmediatos perseguidores.
Relacionadas:
-
A RFEF dá a razón ao Pontevedra e o seu equipo xuvenil ascende a División de Honra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra xuvenil cumpre gañando ao Alondras pero será o Xuíz de Competición o que decidirá o ascenso
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O equipo xuvenil do Pontevedra, a 90 minutos da División de Honra
Por Redacción |
-
O Pontevedra xuvenil inicia a segunda fase da liga en postos de ascenso a División de Honra
Por Redacción |