O Pontevedra B xogarase o pase á fase de ascenso en Pasarón nunha última xornada con horario unificado
Por Manu Otero
Un ollo en Pontevedra e outro en Vilalonga. Así terá que xogar o filial granate o seu próximo partido. Os de Sergio Moreira enfróntanse este domingo en Pasarón ás 18 horas ao Umia. O filial debe quedar entre os dous primeiros clasificados para acceder á fase de ascenso, pero o seu pase depende do que ocorra no partido entre Villalonga e Gran Peña, en San Pedro.
O Pontevedra B marcha actualmente en segunda posición con 17 puntos. O Villalonga é terceiro coa mesma puntuación, mentres que a Gran Peña é líder, con 20 puntos. Unha vitoria dos dous conxuntos locais deixaría un triplo empate a 20 puntos que deixa fóra aos granates. En caso de igualdade a puntos entre tres ou máis equipos, o criterio de desempate é a suma dos puntos obtidos por cada un nos enfrontamentos directos. O Pontevedra acabaría con 4 puntos despois de gañar a Vilalonga e empatar con Gran Peña, mentres que os seus dous rivais sumarían 6 tantos.
Por iso, a mellor opción dos de Moreira é que o cadro vigués derrote ao Vilalonga. Nese caso, o filial granate clasificaríase mesmo perdendo o seu partido porque ten o goalaverage gañado ao cadro sanxenxino. Se en San Pedro dáse un empate, o Pontevedra debería facer o propio ou gañar. Calquera outra combinación deixaría ao filial do Pontevedra fóra de loita polo ascenso a 3ª RFEF.
Polo momento, desde o club non se comunicou as condicións para o acceso de público a Pasarón nin os prezos das entradas.