O deporte galego referenda o seu compromiso pola igualdade e contra a violencia machista
Por Manu Otero
O pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi escenario este venres da firma do convenio entre a conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, para o desenvolvemento de medidas previstas no pacto de Estado contra a violencia de xénero e axudar aos deportistas galegos nas súas aspiracións de participación nos Xogos Olímpicos de Tokio 2021.
No evento participaron tamén grandes figuras do deporte galego como o triatleta Javier Gómez Noya, o parataekwondista Álex Vidal e a skater Julia Benedetti, clasificada xa para a cita olímpica a pesar de ter soamente 16 anos.
De forma telemática, asistiron tamén outros deportistas de diversas disciplinas como a atleta Saleta Fernández, a regatista Támara Echegoyen, a judoka María Bernabeu, a atleta paralímpica Desiree Vila, o remeiro Caetano Horta ou o porteiro de balonmán Rodrigo Corraless, entre moitos outros.
Despois de asinar o convenio, tomou a palabra Lete Lasa para mostrar o seu convencemento de que "aínda se poden rompor moitos teitos de cristal".
O secretario lembrou algúns fitos da igualdade no deporte dos últimos anos, como a primeira vez que unha muller correu unha maratón, que foi en Boston no 1967; a creación dunha selección feminina de fútbol en Afganistán ou o acceso de mulleres aos estadios en Arabia Saudita pola disputa da Supercopa de España nese país. "É unha tarefa longa e ardua", admitiu antes de dicir que este convenio supón un pequeno gran de area na loita pola igualdade no deporte e en todos os ámbitos da vida.
"A igualdade debe ser un deber como sociedade", declarou a conselleira, quen puntualizou que este tipo de colaboracións realízase tamén con sectores doutros ámbitos pero que é o deportivo o que mellor reflicte o espírito desta iniciativa polos valores de superación, constancia e traballo en equipo dos que os deportistas fan gala a diario.
Sobre a colaboración entre deportistas e a Xunta falou tamén o pentacampeón do mundo de tríatlon Javier Gómez Noya. Agradeceu o medallista olímpico a colaboración e axuda prestada polo Goberno autonómico, pero tamén quixo denunciar que en moitos deportes aínda non existe unha igualdade real. "O tríatlon é un deporte moderno e hai igualdade de oportunidades e tamén nos premios, pero sei que non ocorre o mesmo en outros deportes", lamentou Gómez Noya.
Unha situación que coñece perfectamente a skater Julia Benedetti. "Nos campionatos de España do 2019 os premios para os homes e as mulleres no era o mesmo. Ás mulleres dábannos a metade por un primeiro posto que aos homes. Aínda que agora foi mellorando e xa o igualaron", recoñece a nova deportista coruñesa que chegará a Tokio sen presión e coa única pretensión de gozar e ofrecer o mellor de se mesma.
Nun sentido similar pronunciouse o parataekwondista Álex Vidal, que destacou o valor das axudas para poder seguir practicando deporte de forma profesional e mostrouse orgulloso de poder formar parte desta campaña de imaxe na loita pola igualdade e contra a violencia machista.
O obxectivo deste convenio, dotado con 500.000 euros, dos que 300.000 destinaranse a levar a campaña "NON" á cita olímpica, pasa por visibilizar e promover a igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista nun escenario tan global e mediático como uns Xogos Olímpicos.