O Froiz dispara ao pau no Trofeo Guerrita cun Pablo Alonso que colle o liderado elite da Copa de España
Por Redacción
O triunfo resísteselle esta campaña ao Grupo Deportivo Supermercados Froiz na prestixiosa Copa de España Elite e Sub-23. A pesar diso o conxunto alimenticio ségueo tentando, e este mércores andoulle realmente preto no XXX Trofeo Guerrita, disputado na localidade murciana de Alcantarilla.
Fíxoo cun combativo Pablo Alonso que soubo manterse no grupo de elixidos no momento decisivo e que se xogou o triunfo cunha decena ciclistas, sendo cuarto en liña de meta a 45 segundos do vencedor. Con todo é un resultado importante para o do Froiz, que se volve a meter no top-10 da xeral da Copa de España e pasa a liderar a categoría elite ao superar a Alberto Serrano.
O equipo pontevedrés estivo presente na primeira fuga da xornada con Santiago Cadavid, pero foi neutralizado pouco antes de iniciar a principal dificultade montañosa da xornada, o Alto de la Perdiz. A partir dese momento o equipo Lizarte fíxose cos mandos da carreira cun ritmo na ascensión que deixou moi poucas unidades no grupo principal.
Os corredores do conxunto navarro continuaron coa súa aposta no Alto de Gebas colocando a tres dos seus homes, entre os que estaba o líder absoluto do certame Pau Miquel, na cabeza de carreira. Foi Iván Cobo o que se lanzaba en solitario no descenso formándose tras el un grupo de 10 unidades no que se filtrou Pablo Alonso.
Restaban 50 quilómetros a meta e a persecución mantívose ata que chegar aos últimos 20, cando os aspirantes ao triunfo agrupáronse. Todo estaba no aire e o máis listo da clase foi Javier Agea (Gomur) lanzando unha aposta en solitario cara á meta chegando con 45 segundos de vantaxe. Por detrás no sprint dos seus perseguidores Pablo Alonso asinaba o citado cuarto posto, tras un Pau Miquel que é máis líder da xeral.
A Copa de España vivirá a súa oitava cita puntuable o vindeiro sábado 12 de xuño co Memorial Pascual Momparler, en Castelló.
Relacionadas:
-
Un terceiro posto final e a clasificación da montaña, botín do Froiz na Vuelta a Zamora
Por Redacción |
-
Pablo Alonso, a un paso de alzarse coa Copa de España elite
Por Redacción |
-
Pablo Alonso segue líder en categoría elite a pesar do seu décimo posto no Circuito Guadiana
Por Redacción |
-
Dobre cita para o Froiz, que buscará o triunfo en Estremadura e nas montañas vascas
Por Redacción |
-
O Froiz e o Farto, representados no Campionato de España Sub-23 de ciclismo
Por Redacción |
-
O Froiz celebra o Día das Letras Galegas cun dobrete no campionato autonómico
Por Redacción |
-
O Supermercados Froiz queda co mel nos beizos na xornada da Copa de España celebrada en Vigo
Por Redacción |