Aprazada por un caso de covid a última xornada de Preferente, na que o Villalonga apurará as súas opcións de ascenso
Por Redacción
O desenlace no Grupo Sur de Preferente deberá esperar, e é que un caso de covid detectado no plantel do Cultural Areas fixo saltar polo aire os plans da Real Federación Galega de Fútbol.
O Comité de Competición confirmou a última hora do sábado, a menos de 24 horas da xornada final, que aprazaba por esta circunstancia non só o Atlético Arnoia-Cultural Areas, senón o resto de encontros ao estar en xogo o ascenso á Terceira División.
Desta forma tamén se pospuxo o Vilalonga-Barbadás que ía celebrarse este domingo (18.30 horas) en San Pedro, no que os celestes ían apurar as súas opcións de lograr o salto de categoría. Para eles necesitaban a vitoria e que se produza un empate nun dos outros dous partidos en liza (Juvenil Ponteareas-Gran Peña ou o citado Arnoia-Cultural Areas).
O Vilalonga chegou á cuarta e decisiva xornada da segunda fase con 5 puntos na quinta praza, pero a só dous dos primeiros clasificados Gran Peña, Juvenil Ponteareas e Atlético Arnoia, sendo o Barbadás cuarto con 6 puntos. Con este panorama de gañar superaría o Barbadás e cun empate doutros rivais faría o propio pola súa mellor diferencia de goles.
En todo caso estas contas deberán esperar agora a unha data "o máis próxima no tempo", sinala no seu escrito o Comité de Competición, que será notificada nos próximos días. Esa data irase ao mes de xullo grazas ao acordo do pasado mes de febreiro que permitía a extensión da competición máis aló do 30 de xuño en caso de necesidade.