Lourido e Baltar prepáranse para un 'Verán Deportivo'
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra presentou este martes o programa 'Verán Deportivo', que encherá de actividades as praias de Baltar en Sanxenxo, Lourido en Poio, Panxón en Nigrán e Rodeira en Cangas.
Trátase, en palabras da presidenta provincial Carmela Silva, de converterse "nun grande referente dos deportes de praia no conxunto do Estado e de Galicia".
"Verán Deportivo é un deses proxectos conxuntos que tanto nos gustan na Deputación de Pontevedra, clave para atraer o turismo non masificado e sostible que estamos a promover", defendeu Silva.
Entre as actividades propostas atópanse competicións de volei-praia, futvolei e tenis praia en categorías feminina, masculina e mixta tanto para federados como para deportistas afeccionados. Todo iso dirixido a maiores de 16 anos.
O evento dará comezo os días 10 e 11 de xullo con voleibol praia en Panxón (Nigrán). Os días 17 e 18 de xullo continuará na praia de Baltar de Sanxenxo con tenis praia e futvolei e, no mesmo espazo pero os días 24 e 25 de xullo, con volei praia. Os días 31 de xullo e 1 de agosto a praia de Rodeira en Cangas acollerá tenis praia e futboleyi. Xa en agosto, os días 7 e 8, terán lugar as competicións de voleibol en Lourido e a fin de semana do 14 e 15 de agosto con tenis praia e futvolei tamén no areal de Poio.
Os máis pequenos poderán gozar destas disciplinas con xornadas de formación previstas durante os venres antes de cada competición.
A presentación contou tamén, entre outros, coa concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas, e o edil de Sanxenxo, Daniel Arosa, ademais de representantes das federacións galegas de tenis e voleibol, entre outros.
Relacionadas:
-
A praia de Lourido despídese do seu Verán Deportivo cun torneo de tenis praia
Por Redacción |
-
Volei praia, futevolei e tenis praia para pechar o Verán Deportivo de Lourido
Por Redacción |
-
Instalan un parque acuático na praia de Baltar e habilitan tres campos de voleibol e un de fútbol
Por Redacción |