A praia de Lourido despídese do seu Verán Deportivo cun torneo de tenis praia
Por Redacción
O Verán Deportivo de Lourido está chegando ao seu fin. Despois de dúas semanas cheas de deporte na area, é o momento de dicir 'ata o ano que vén'.
Os días 7 e 8 de agosto celebráronse torneos de futbolei e volei praia, mentres que o broche de ouro o puxo esta fin de semana o tenis praia en categorías amateur e federada.
A praia de Lourido, na parroquia de San Salvador, volveu acoller esta iniciativa coa que o Concello de Poio quere deixar claro, e máis concretamente a concelleira de deportes, Marga Caldas, que "o deporte é seguro e é unha fórmula de vida saudable, que neste contexto é máis necesaria ca nunca".
A nacionalista fixo un balance moi positivo da participación nestes torneos, que se están a realizar cumprindo coas medidas sanitarias. "Só durante os dous primeiros días contamos con máis de 150 participantes, repartidos en 78 parellas masculinas, femininas e mixtas", explicou a edil en canto a afluencia nas actividades.
Un Verán Deportivo que regresou tras un ano de suspensión pola pandemia da covid-19, e que este ano contou tamén coa colaboración da Deputación de Pontevedra e doutras institucións organizadoras.