La Vuelta e a Clásica de San Sebastián, un colofón á tempada de debut do Farto no pelotón profesional feminino
Por Redacción
A primeira tempada do Team Farto BTC como equipo profesional feminino de categoría UCI Continental terá un colofón inesperado e que supón todo un premio ao traballo dos últimos meses.
O conxunto pontevedrés competirá na edición feminina de La Vuelta e tamén na prestixiosa Clásica de San Sebastián, debutando desta maneira nunha carreira World Tour, a máxima categoría profesional.
"Estamos cheos de orgullo e ilusión por estas invitacións", recoñeceu o director xeral do equipo, Brais Dacal, e é que "é moi difícil que che conviden ao World Tour no teu primeiro ano en categoría profesional, e non só imos correr por partida dobre, se non que ademais en dúas carreiras de tanto prestixio como La Vuelta e a Klasika", sinala.
En canto á rolda por etapas, o Farto recibiu unha das invitacións da organización sumándose desa forma aos equipos de World Tour, aos seis mellores da segunda división e ao resto de convidados. La Vuelta disputarase este ano integramente en Galicia con catro etapas entre o 2 e o 5 de setembro, con tres días nos arredores de Manzaneda e unha etapa final entre As Pontes e Santiago de Compostela.
En canto á clásica vasca, terá lugar o próximo 31 de xullo.
Para o presidente do club, Abel Farto, a dobre invitación supón "unha enorme oportunidade que nos gañamos e que nos vai a levar moi lonxe".