O Team Farto xa ten elixido o seu equipo para facer historia na Volta
Por Redacción
O Team Farto - BTC, primeiro e único equipo ciclista profesional feminino da historia de Galicia, quenta motores para participar por primeira vez na Volta a España feminina. A rolda española, un dos eventos deportivos máis importantes do mundo, consta de catro etapas, todas elas en Galicia e comezará o 2 de setembro na Estación Invernal de Cabeza de Manzaneda para terminar na Rúa.
As dúas seguintes etapas terán tamén a Manzaneda como epicentro e a última sairá das Pontes para coroar á campioa en Santiago de Compostela.
O equipo pontevedrés ultima os detalles loxísticos para A Volta e xa ten elixidas as seis corredoras que farán historia no debut do equipo pontevedrés nunha carreira de categoría mundial. Serán Melissa Maia (Portugal), Enara López (Euskadi), Liliana de Jesús (Portugal), Anna Pujol (Valladolid), Pilar Jiménez (Valencia) e a viguesa Carla Fernández.
O corpo técnico irá composto polo director deportivo Brais Dacal, o presidente Abel Farto, dous mecánicos, unha masaxista e dous auxiliares. "É a carreira máis importante do ano, La Vuelta a España conleva moitísimo traballo e todo debe funcionar á perfección para que as ciclistas rendan o mellor posible e se despreocupen de todo o que non teña que ver con competir", destaca o director do equipo.
O equipo atópase actualmente concentrado en Pontevedra nunha burbulla anticovid e teñen previsto desprazarse este mércores ao hotel asignado pola organización da carreira.
A estratexia do club pasa por "deixarse ver" no pelotón e "plantar cara" aos mellores equipos do mundo. "O obxectivo é entrar en escapadas e loitar por clasificacións secundarias levando con orgullo o nome do noso equipo e da nosa terra na Volta", destacan desde o club.
Melissa Maia chega como teórica líder para a clasificación xeral e o seu obxectivo será o de estar diante nos días de montaña e ver ata onde pode chegar nas clasificacións, etapa a etapa.
Pola súa banda, Enara López, recuperada do seu atropelo en xaneiro, atópase nun bo momento de forma e o seu papel pasará por correr de forma agresiva, buscar escapadas e tentar obter un bo resultado nalgunha etapa. Liliana de Jesús e Anna Pujol centraranse en axudar ás compañeiras nos días duros. Pilar Jiménez exercerá tamén de apoio na montaña, mentres que a viguesa Carla Fernández terán máis presenza nos terreos crebados
Desde o equipo pontevedrés móstranse entusiasmados con "esta oportunidade histórica" de ser o segundo equipo galego da historia en disputar unha Volta a España, o primeiro feminino, e esperan que se poida repetir por moitos anos.
Relacionadas:
-
A última oportunidade para arrebatar o maillot vermello a Roglic parte desde Sanxenxo
Por Redacción |
-
Unha vitoria de etapa e "ensinar o maillot", obxectivos do Team Farto para La Vuelta
Por Manu Otero |
-
La Vuelta e a Clásica de San Sebastián, un colofón á tempada de debut do Farto no pelotón profesional feminino
Por Redacción |