A Escola Xadrez e Xadrez Latino de Arxentina organizan un campus iberoamericano
Por Redacción
A Escola Xadrez Pontevedra organiza, en colaboración con Xadrez Latino, a cuarta edición do Campus Iberoamericano. Trátase dunhas xornadas de sesións teóricas e prácticas para afeccionados ao xadrez a cargo de grandes mestres do taboleiro.
A actividade celebrarase entre o 19 e o 29 de agosto e consta de 16 horas de cátedra así como 4 horas de actividades prácticas. Os participantes estarán divididos en dous grupos un función da súa puntuación. O prezo do curso completo é de 60 euros e aqueles que se inscribiron antes do 16 de agosto gozan dun desconto do 15 % na cota.
O programa comezará o 19 de agosto con dúas clases mestras sobre xogadas intermedias e momentos críticos. Ao día seguinte, as clases serán sobre variantes modernas ou xadrez universal. O día 21, acerca da peza fóra de xogo; mentres que o domingo, será sobre grandes xenios ou modelos estratéxicos.
As sesións retomaranse o xoves 26 con cátedra sobre combater antisicilianas ou o modelo Carlsen e a dinámica. O día 27 falarase sobre a Siciliana 4 Cabalos na actualidade ou xogadas intermedias, mentres que o sábado 28 repetiranse as clases sobre a peza fóra de xogo ou o xadrez universal. O día 29 concluirán as sesións mestras cunha clase conxunta para ambos os grupos e unha batalla de aperturas.
De forma paralela, está programado para o domingo día 22 a partir das 21 horas o Gran Torneo Ciudad de Pontevedra, mentres que o día 29 producirase o encontro internacional entre xadrecistas das dúas escolas organizadoras.
Informan desde a organización que o curso é inclusivo e está adaptado para persoas con discapacidade visual.
Relacionadas:
-
O alcalde Lores recibe no Concello á gran mestra de xadrez arxentina, Claudia Amura
Por Manu Otero |
-
O prometedor xadrecista da Escola Xadrez, Rubén Fernández, asina un dobrete nos nacionais sub 16
Por Redacción |
-
O torneo Cidade de Pontevedra de xadrez dá a volta ao mundo coa súa edición online
Por Redacción |