A Fracha xa ten circuíto para disciplinas gravity de BTT
Por Redacción & Cristina Saiz
O circuíto para disciplinas gravity de BTT xa é unha realidade no parque forestal da Fracha, que conta desde este domingo con tres rutas de diferente dificultade de descenso, A Costiña, Argallas e Regueiros.
Á cita inaugural achegáronse decenas de ciclistas de todas as idades, que gozaron por primeira vez deste circuíto probando as súas habilidades ao longo das 16 hectáreas da parcela construída, que permancerá aberta desde este domingo.
Este novo espazo é froito da iniciativa dun grupo de ciclista que, co apoio do Concello de Pontevedra e da Comunidade de Montes de Marcón, o fixeron posible.
A inauguración contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do coordinador do rural, Alberto Oubiña, que destacaron a gran cantidade de xente que se achegou á zona para gozar da nova instalación.
Estiveron acompañados polo presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Iván Pérez; o presidente da Comunidade de Montes de Marcón, Óscar Coto; e o presidente da federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.
Tamén acudiron as dúas figuras máis relevantes na elite do BTT Eva Castro e Toni Ferreiro, que compartiron experiencias con todas as persoas que asistiron á estrea.
Durante o acto, o alcalde de Pontevedra destacou este "novo paso na diversificación dos usos do monte, do lecer e do coidado da nosa contorna" e fai un chamamento á responsabilidade individual de todas aquelas persoas que se acheguen aos novos percorridos ciclistas.