Edymar Brea e Nuno Ribeiro coróanse na Illa das Esculturas co Campionato Galego de Campo a Través
Por Redacción & Cristina Saiz
A Illa das Esculturas acolleu este domingo 7 de novembro o Campionato Galego de Campo a Través, unha cita na que participaron deportistas de categorías absoluta, sub-23 e sub-20 por equipos, sub-16 e sub-18 individual e por equipos e as remudas absolutas mixtas.
A proba deu comezo ao redor das 10:00 horas coa remuda absoluta mixta, unha carreira na que os clubs tiñan opción de formar equipo con dous atletas masculinos e dous femininos de categorías sub-20 ou superiores.
Nesta ocasión, os gañadores da carreira, cun tempo de 18:09, foron os Lucia Varela, Xabier Rodríguez, Laura Santos e Esteban Iglesias, do Lucus Caixa Rural. Seguíronlles no segundo posto o cuarteto formado por María Carballido, Adrián Lage, Nerea Lage e Cristian Montecelo, do Atletismo Friol (18:47) e, en terceiro lugar, Sharay Astariz, Adrián Lago, Paula De La Torre e Carlos Porto, da Sociedade Ximnástica (18:56).
Unha vez finalizados as remudas, chegou a quenda dos sub-16, onde o Atlética Lucense foi o campión indiscutible cun triplo podio na proba feminina con Xeila Martínez, Amparo Corredoira e Sara Guedes como protagonistas dos 2,5 quilómetros.
Pola súa banda, na masculina, o primeiro posto do caixón foi para Ricardo Negrete, do Ría Ferrol- C. Arenal, o segundo para Teo de Froitos, do Lucus Caixa Rural Galega e, finalmente, Sergio Quintas, do CD La Purísima, fíxose co terceiro.
Os sub-20 foron os seguintes en poñerse as zapatillas para percorrer os 3 quilómetros dos que constaba a proba. Na feminina gañou Carolina Santos, do Ría Ferrol- C. Arenal, seguida de Marcela Morgado, do Ourense Atletismo e de Paula Cabaleiro, do Club Atletismo Tui, segunda e terceira respectivamente.
Mentres, Pedro Vázquez do R.C. Celta foi o campión na masculina, Antón Martínez do Atlética Lucense chegou en segunda posición e Mateo Rodríguez, do Celta, en terceira.
Finalmente, o Campionato Galego de Campo a Través terminou coa carreira absoluta e sub-23, onde a emoción estivo servida.
Primeiro foi a quenda da categoría feminina, na que a atleta do Ourense Atletismo, Edymar Brea, foi a primeira en completar os 6 quilómetros cun tempo de 20:43. Esther Rodríguez, do ADAS Proinor, seguiuna moi de preto, a tan só 5 segundos de diferenza. O terceiro posto do caixón completouno Begoña Domínguez, do Ourense Atletismo, que parou o cronómetro en 21:24.
Por último, en categoría masculina, Nuno Ribeiro, do SD Compostela Atletismo, percorreu os 8 quilómetros en 22:15, tempo que foi suficiente para facerse coa vitoria na proba. Despois chegaron Alejandro Fernández, do Ourense Atletismo (22:52) e Iván Roade, do ADAS Proinor (23:11).
Consulta os resultados do Campionato Galego de Campo a Través na seguinte ligazón