Ángel Rodríguez quere "que Pasarón para o contrario sexa un inferno"
Por Diego Espiño
O tropezo do Pontevedra Club de Fútbol no campo do Unión Adarve "está esquecido", asegura Ángel Rodríguez a poucas horas de recibir no Municipal de Pasarón a un Navalcarnero en plena xeira positiva (domingo, 17.00 horas).
O técnico defendeu este venres en rolda de prensa que en Madrid "o balón parados sentenciounos, pero non afectou na cabeza do equipo para nada. Vexo aos xogadores ben", confiando nun plan que se foi engraxando co paso das xornadas.
Tanto é así que aínda que se poidan introducir pequenas variantes, como a presenza de Brais Abelenda máis adiantado como compañeiro en punta de Charles no último partido, "nós imos variar pouco nosa forma de xogar, imos tentar ser un equipo dominador e sobre todo que busque a portería contraria", avanza o preparador.
Rodríguez, do mesmo xeito que fixeron Yelko Pino e Álex González na entrega do premio ao mellor xogador do mes de outubro, cre que tras dous triunfos nos seus dous últimos partidos como local (Llanera e Coruxo) "é o momento de cimentar isto como un fortín, de que entendamos que aquí non poden escaparse puntos. Debemos ser un equipo en Pasarón que se lle atragoe a todos os rivais e que Pasarón para o contrario sexa un inferno", defendeu.
Para iso é imprescindible superar a un Navalcarnero que chega a Pontevedra despois de encadear tres triunfos consecutivos e empatado a puntos cos granates. "Todos os equipos que traen boa dinámica son complicados", advirte o adestrador.
O encontro perderano por lesión Rufo, que segue recuperándose dunha forte escordadura de nocello, e tamén o canteirán Iñaki tras torcer esa mesma articulación no adestramento deste xoves.
O colexiado do choque será o asturiano Eduardo Rodríguez García na que será a súa terceira visita a Pasarón nos últimos anos. As dúas primeiras saldáronse con triunfos locais fronte ao Izarra na campaña 15-16 (3-1) e o Boiro na 16-17 (4-0).