De non poder camiñar a xogar ao baloncesto no CAB Pontevedra
Por Redacción
Ao pequeno Hugo Couto Lois foille diagnosticada unha enfermidade rara que afecta á súa cadeira, a enfermidade de Perthes, pero iso non lle impediu converterse en todo un exemplo de superación dentro do Club Amigos do Baloncesto (CAB) Pontevedra.
O xogador, do seu equipo 'baby', pasou de estar en cadeira de rodas a poder mesmo xogar ao deporte que máis lle gusta. Todo iso tras superar dúas operacións e esperar unha terceira, planificada para o próximo mes de xuño.
Agora, coincidindo co Día da Concienciación da Enfermidade de Perthes que se celebra o 17 de xaneiro, o club deportivo deu a coñecer a súa historia para tentar visibilizar a situación que pasan moitas familias, e é que no caso de Hugo a operación que necesitaba tivo que realizarse nun centro privado, cos problemas que iso supuxo unha familia que está a recibir o apoio da Asociación de Familias con Perthes (ASFAPE).
Tamén o Concello de Pontevedra, a través do departamento de Benestar Social, quixo sumar o seu gran de area á causa. "Queremos darlle visibilidade pública a esta doenza, transmitirlles forza ás familias e felicitar a Hugo, este mozo tan valente, por ser un exemplo de loita para todos", explica o edil Marcos Rey, que ten previsto este venres presenciar un dos seus adestramentos no Pavillón de Príncipe Felipe.
A enfermidade de Legg-Calvé-Perthes é unha patoloxía de orixe descoñecida (unha necrose vascular na cabeza do fémur causada pola falta de rega sanguínea) que afecta a 1.5 de cada 10.000 nenos, polo xeral máis aos homes, e adoita desenvolverse entre os 3 e os 12 anos.
Relacionadas:
-
O Waterpolo, un apoio para que Lois e Hugo combatan a enfermidade de Perthes
Por Redacción |
-
Todos a un tempo no CAB Pontevedra para apoiar ao seu xogador Hugo e dar visibilidade á síndrome de Perthes
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O CAB organiza un Clinic de Nadal para o 30 de decembro
Por Redacción |