Todos a un tempo no CAB Pontevedra para apoiar ao seu xogador Hugo e dar visibilidade á síndrome de Perthes
Por Redacción & Mónica Patxot
O pequeno Hugo Couto Lois converteuse, por mérito propio, en todo un exemplo de tenacidade e superación que contaxia coa súa vitalidade a todo o Club Amigos do Baloncesto (CAB) Pontevedra.
O xogador padece unha enfermidade rara, a síndrome de Perthes, coa que loita desde moi pequeno e que limita a súa mobilidade, pero a súa paixón polo deporte e polo baloncesto fíxolle converterse en todo un emblema do club.
Por iso, con motivo do próximo Día da Concienciación da Enfermidade de Perthes que se celebra o 17 de xaneiro, o CAB Pontevedra organizou un pequeno acto para dar visibilidade á loita contra esta enfermidade.
O acto tivo lugar este venres no pavillón Frei Martín Sarmiento, tras un partido de Hugo cos dous equipos do club cos que máis convive e contando co apoio dos concelleiros Iván Puentes e Marcos Rey.
No verán tocaralle volver pasar polo quirófano dentro de longo proceso que atravesa debido ao síndorme de Perthes, pero no CAB Pontevedra van todos a un tempo co seu xogador, convencidos de que poderá con iso, tal e como demostrou sobradamente durante os últimos meses.