Cisne e Teucro póñense ao día nun derbi light
Por Manu Otero
O Pavillón Municipal de Pontevedra acolle este mércores o clásico do balonmán pontevedrés. Un derbi entre Cisne e Teucro sempre rezuma rivalidade polos catro custados, pero esta vez o choque será pouco ou nada transcendental. O sistema de competición, líder contra pechacancelas, fai que os dous puntos en xogo non sirvan para nada, debido a que uns pasarán á fase de ascenso e outros á de descenso, nas que só contará o botín obtido contra os seus competidores.
O horario, un mércores ás 20.30 horas, tampouco anima a encher o pavillón. O partido corresponde á xornada 11 de liga que debería disputarse o pasado sábado 18 de decembro. Con todo, un positivo nas filas teucristas obrigou a aprazar o enfrontamento. Logo veu unha fervenza de positivos e suspensións que afectaron a ambos os equipos.
O Teucro poñerase ao día o 20 de febreiro cando recupere o terceiro dos seus partidos aprazados contra o Guadalaxara, mentres que o Cisne ten aínda tres encontros pendentes: Teucro (xornada 11),Villa de Aranda (xornada 12) e Guadalaxara (xornada 14).
En calquera caso, a rivalidade existente entre ambos os clubs é motivo máis que suficiente para que o derbi siga sendo atractivo tanto para ambas as afeccións como para ambos os persoais. Ademais, o Teucro chega agora nunha liña ascendente e ve no Cisne unha boa vara con que medirse.
Polo outro lado, no Cisne asumen que naquel momento eran máis favoritos para facerse coa vitoria, pero o novo ano, unido ao reforzo de Vinicius e a recuperación Killian, cambiaron a cara dun Teucro que é agora moito máis perigoso, como demostra os seus dúas últimas vitorias e a boa imaxe ofrecida contra Amenábar de Zarautz e Burgos.
Aínda así, no vestiario branco senten optimistas. "Non temos o ritmo de competición que nos gustaría, será un partido complicado. Pero estamos con moitas ganas e moi concentrados", asegura o segundo adestrador do Cisne, Quiños.
E por se as súas calidades balonmanísticas non fosen suficientes para amarrar o triunfo, apela o técnico "orgullo de club". "Estes xogadores levan desde a base mamando eses derbis e pelexándose co Teucro por ese orgullo de cidade, que o saquen para facer sentir orgullosos á nosa xente", rematou Quiños.
Relacionadas:
-
O Cisne leva o derbi do orgullo (31-25)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Aprazado o Guadalajara - Cisne por un gromo de covid-19 no conxunto manchego
Por Redacción |
-
Precaución no Cisne tras detectar un novo caso de covid no seu plantel
Por Redacción |
-
Mércores 2 de febreiro, nova data para o derbi pontevedrés entre o Cisne e o Teucro aprazado pola covid
Por Diego Espiño |
-
Aprazado o derbi do balonmán pontevedrés tras detectarse un positivo por covid no Teucro
Por Diego Espiño | Creada e actualizada