Sufrido e valioso punto do Arosa na casa do Arenteiro (1-1)
Por Diego Espiño
Importante punto o sumado este mércores polo Arosa no Carballiño no partido aprazado contra o Arenteiro que lle permite manter ao seu rival, que marca a fronteira do descenso directo, a tres puntos de distancia asegurándose ademais o average particular no caso de empate.
O encontro comezou cunha alta intensidade que propiciaba continuas imprecisións, sen dominador claro e sempre coa tensión de saber ambos os dous equipos o que moito que se xogaban na pelexa pola permanencia na Segunda RFEF. O choque presentábase aberto, e se aos tres minutos ameazaban os arlequinados nun córner rematado de cabeza alto por moi pouco, Eimil respondía para os locais cun centro-chute que obrigaba a empregarse a fondo a Manu Táboas.
Pouco despois, aos 7 minutos de xogo, unha xogada persoal de Joseca terminaba con Uxío da Pena enviando o balón ao fondo da portería arosista, pero o gol era anulado por un claro fóra de xogo.
Co paso dos minutos o empuxe do Arenteiro, sobre todo a base de xogo directo, facía retroceder aos de Jorge Otero, incapaces de precisar en ataque. Así, aos poucos, os do Carballiño empezaron a roldar o gol, salvando a madeira ata en dúas ocasións o Arosa, primeiro tras un disparo afastado de Pibe e despois nun balón solto cazado por Uxío na área para rematar en posición franca. Por fortuna para os de Vilagarcía, o coiro pegou primeiro nun pau e despois no outro antes de saír cuspido cara ao lateral.
Sufría o cadro arlequinado, e xusto cando peor o estaba pasando atopou o 0-1, non sen polémica. Luismi gañou unha pugna na medular con Pol Bueso, reclamando os locais un cobadazo, e a xogada seguiu cara ao costado destro para acabar cun centro que baixou Diz e que o propio Luismi aproveitou para sen oposición bater por baixo a Diego.
Descanso en Espiñedo@CD_Arenteiro 0:1 @AROSASCOFICIAL
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) February 9, 2022
Marcou @Luiismii10 no minuto 43 o gol para o equipo vilagarcián. O Arenteiro estrelouse contra os paus pic.twitter.com/20Ugqevr8m
O botín ao descanso era de gran valor, pero quedaban 45 minutos para defendelo con uñas e dentes, porque o Arenteiro regresou de vestiarios a por todas na busca da igualada, e a punto estivo de conseguilo moi pronto por medio de Eimil, aínda que a acción estaba invalidada por fóra de xogo.
Superada a presión dos primeiros minutos os de Jorge Otero empezaron a sentirse máis cómodos sobre o verde e a non sufrir tanto, o que non evitou que nunha acción illada, tras unha falta lateral, Renan estrelase un novo balón na madeira, o terceiro da noite para os locais.
Pese ao susto parecía por primeira vez que o partido empezaba a xogarse ao que querían os visitantes, pero cosas do fútbol foi cando chegou o empate. Pasado o ecuador do segundo acto Pibe metía un gran pase ao espazo para Uxío, que era derrubado por Manu Táboas dentro da área. Penalti que Renan non desaproveitou para poñer o 1-1 enganando ao gardameta.
O gol deu ás de novo aos do Carballiño, que ameazaron con dous cabezadas de Uxío que marcharon lixeiramente desviadas. Foi antes de que Naveira cometese unha dura e imprudente entrada sobre Piay e vise a vermella directa deixando ao seu equipo en inferioridade a 7 minutos do final.
A pesar de estar cun home máis sobre o terreo de xogo o Arosa deu por válido o empate, consciente do valioso que era, e limitouse a que pasasen os minutos tentando evitar sobresaltos. Ao final repartición de puntos que permite aos de Vilagarcía manter a distancia sobre o descenso á espera dun novo duelo de altos voos, o que lle espera o vindeiro sábado na Lomba ante outro rival directo, a Gimnástica Segoviana.
CD ARENTEIRO (1): Diego, Portela (Ger, min.69), Pol Bueso, Pibe, Álex Fernández, Renan, Sylla, Raúl (Adrián Cruz, min.58), Joseca (Naveira, min.79), Eimil, Uxío.
AROSA SC (1): Manu Táboas, Fontán (Ross, min.71), Campillo, Piay, Cotilla, Pedro García, Diz, Nuño, Julio Rey, Porrúa (Fajardo, min.81), Luismi (Pedro Beda, min.89).
Árbitro: Gonzalo Sáiz Pérez, auxiliado nas bandas por Javier Toca Alonso e José Antonio López Conde (Cantabria). Amoestou a Adrián Cruz no Arenteiro e a Fontán no Arosa. Expulsou o local Álvaro Naveira por vermella directa (min.83).
Goles: 0-1 Luismi (min.43); 1-1 Renan, de penalti (min.73).
Incidencias: Partido aprazado correspondente á xornada 18 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio O Espiñedo do Carballiño.
Relacionadas:
-
O Arosa perdoa ante o líder Unión Adarve e págao no desconto (1-1)
Por Almu Dapena |
-
Un Coruxo moi superior deixa sen opcións o Arosa (3-0)
Por Almu Dapena |
-
O 'fortín' coruxista de Fragoselo, un reto para o Arosa
Por Diego Espiño |
-
Denis desvincúlase do Arosa sen chegar a debutar na Segunda RFEF
Por Redacción |
-
O Arosa segue gañando no desconto (1-0)
Por Almu Dapena |
-
O Arosa, contra o cansazo na visita da Gimnástica Segoviana
Por Diego Espiño |
-
Saída vital do Arosa ao Carballiño para recuperar xornada perdida
Por Diego Espiño |
-
Tres goles en 14 minutos amargan o Arosa en Llanera (3-0)
Por Almu Dapena |