O piragüismo galego cóbrese de metales no Campionato de España de Inverno
Por Redacción
O piragüismo galego está de parabén despois de cubrirse de metais esta fin de semana no Campionato de España de Inverno no Centro de Alto Rendemento da Cartuxa en Sevilla.
O primeiro metal da xornada foi para a deportista do E.P. Ciudad de Pontevedra Claudia Couto na final do C1 Sub 23. A pontevedresa fixo un tempo de 29:17.31, superando a Julia Espinosa en máis de 5 segundos. A terceira clasificada foi Ana Barea a 25 segundos de Couto.
En canoa, o club pontevedrés logrou un bronce en C1 Senior con María De La Peña mentres que a tamén galega Valeria Oliveira conseguiu un bronce na C1 Xuvenil.
Pola súa banda, o padeeiro do Club As Torres Romaría Viquinga Pedro Torrado, anotouse un ouro despois de liderar toda a carreira e deixar sen opcións aos seus rivais. Torrado cruzou a meta nun tempo de 25:03.28, e Daniel Grijalba e Darío Sánchez do Piragüismo Aranxuez acompañárono no podio.
Durante a tarde do sábado tamén se disputaron as regatas de Paracanoe, onde Enrique Navas do Breogán logrou a terceira praza en PK2. O olímpico do Piragüismo Rías Baixas Adrián Mosquera finalizou en segundo lugar en PK3 e o tamén galego Ramón Fernández do Ciudad de Lugo foi terceiro.
A maior presenza de deportistas galegos foi na categoría master, onde destacaron as medallas prata e bronce conseguidas por Francisco e Alberto Piqueiras do Piragüismo Viveiro en K1 (40-44). Antonio Polo do As Pontes levou o ouro e Ulises Diéguez do Fluvial de Lugo, o bronce en K1 (45- 49). Bernardo Sánchez do Fluvial de Lugo foi segundo en K1 (50-54) e o seu compañeiro de equipo Francisco Vázquez chegou primeiro en K1 (60-64).
A xornada terminou coa vitoria de María Rodríguez do Ría de Aldán en K1 (45-49) e o terceiro posto de Raquel Rodríguez do Portonovo. Araceli Menduiña do Ría de Aldán colgouse o título de campioa de España en K1 (50-54) mentres que na modalidade de canoa José Manuel Sánchez do Kaiak Tudense impúxose no C1 (35-39) a Rubén Paz do Ría de Aldán que terminou en segundo lugar.
No segundo e último día do Campionato de España os representantes galegos volveron encherse de medallas.
Na final do C1 Senior masculino o podio tivo acento galego na súa totalidade. Primeiro chegou o tudense Manuel Garrido, que se fixo coa vitoria despois de disputar nun longo sprint o triunfo ao padeeiro do Breogán Diego Romero. Na liña de meta a vantaxe de Garrido foi de 170 milésimas. A medalla de bronce levoulla Tono Campos, que asinou unha gran remontada despois de ir sempre afastado dos postos de medalla.
Os deportistas da sub23 competiron unhas horas antes. Na final de C1 os irmáns Noel e Diego Domínguez dominaron a proba con claridade para xogarse o final cun sprint que levou o primeiro. Terceiro foi o padeeiro da E. P. Ciudad de Pontevedra Jaime Duro.
A presenza galega e pontevedresa do podio completárona Irene Lata do Ría de Betanzos e a pontevedresa que milita nas filas do Náutico Sevilla Carolina García, que terminaron a proba de K1 Sub 23 en segunda e terceira posición por detrás de Bárbara Pardo do Piragüismo Antella.
Finalmente, na proba de kaiak masculina Sub 23, Joaquín Iglesias do Piragüismo Verducido colgouse a medalla de prata despois dunha trepidante carreira con varios padeeiros loitando polas tres primeiras posicións. A primeira, foi para o asturiano Alberto Llera e Alejandro Moreno do Piragüismo Aranxuez chegou terceiro.
Destacaron tamén os galegos Francisco Cubelos no K1 senior por diante de Walter Bouzán e Javier López. Os tres primeiros postos en mulleres serían para Estefanía Fernández, Laura Pedruelo e Eva Barrios.
Relacionadas:
-
Adrián Sieiro, unha volta ás orixes para relanzar o soño olímpico: "Imos a por París como sexa"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O piragüismo pontevedrés inicia a tempada en plena forma
Por Redacción |
-
Antía Otero recibe o apoio das Becas Podium soñando con París 2024: "Dáche forzas para crer en ti e ver que se pode"
Por Diego Espiño |
-
Verducido, sede prioritaria un ano máis no calendario de competición da Federación Española de Piragüismo
Por Diego Espiño |