Tripla cita para o waterpolo galego no CGTD reunindo máis de 200 deportistas
Por Redacción
O waterpolo de base terá durante dúas semanas a súa casa no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD).
Alí disputaranse en só uns días ata tres campionatos galegos de inverno, aos que están convocados máis de 200 deportistas. Trátase das competicións de categoría benxamín, alevín e infantil que foron presentadas este mércores.
Os primeiros en xogarse, o sábado 26 de marzo, serán o torneo benxamín cun sistema de liga e tres equipos rexistrados (CW Cambre, CW Santiago e CW Pontevedra), e tamén o alevín xogándose baixo sistema de eliminación con sete participantes (CW Santiago A, CW Santiago B, CWC Rías Altas, RCN Vigo, CM Ferrol, CW Cambre e CW Pontevedra).
Pola súa banda o sábado 2 de abril terá lugar o campionato infantil esperándose a presenza de sete ou oito equipos.
"Esta é xa a casa do waterpolo galego, pois case todos os campionatos asumímolos aquí, con moito agarimo e con moitas ganas", defendeu na presentación o presidente do Waterpolo Pontevedra, José Tellería, acompañado do concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a deputada provincial Olga García; o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño; e o director do CGTD, Jesús López.
Nestes casos, sinalou Tellería, "aínda que se trate dun campionato oficial o resultado é o de menos, porque do que se trata é de darlles a oportunidade de que, en moitos casos, compitan por primeira vez nun encontro oficial. Que gocen e que o pasen ben".