Ángel Rodríguez: "Tocaba ser equipo máis que nunca e fomos un equipo con maiúsculas"
Por Almu Dapena
Vitoria máis que importante a do Pontevedra CF este domingo ante o terceiro clasificado Navalcarnero. O cadro granate sumou tres puntos que lle permiten colocarse a tan só un punto do líder Unión Adarve e do posto de ascenso directo.
Tras o partido, como vén sendo habitual, o técnico do Pontevedra, Ángel Rodríguez, compareceu en rolda de prensa para encomiar o traballo de todo o equipo ante un "bo rival". "Viñamos coa mentalidade de sacar os tres puntos aquí e o plantexamento saíu á perfección, tocaba ser equipo máis que nunca e fomos un equipo con maiúsculas", destacou.
O único 'pero' que pon o adestrador ao duelo co Navalcarnero é que "non estivemos precisos no último pase" e aínda así "nos momentos nos que tivemos o balón fixémolo ben e defendemos os centros con solvencia", engadiu.
De feito, confía en que o equipo siga conseguindo bos resultados nas xornadas que quedan e cre que "sendo equipo temos moito gando e moito a gañar" pero para iso "debemos seguir traballando con humildade, sendo un equipo fiable e no que reman todos xuntos".
E é que este domingo nin o vento nin o terreo de herba artificial "que nos complica porque non estamos habituados" puido co Pontevedra, que se soubo "adaptar" e que "saíu enchufado" para ter posibilidades reais de "pelexar polo campionato e ascender directos".
Pola súa banda, o adestrador do Navalcarnero, Pablo Álvarez considerou que o gol temperán do cadro granate "fíxonos moito dano" aínda que o equipo "sóubose repoñer".
Cre, ademais, que os seus xogadores saíron na segunda metade "con alegría e tentando dar a volta ao resultado adverso" pero a "última toma de decisións" non foi boa. Aínda así destacou o traballo dos seus xogadores que "entraron moi ben" a un partido no que "non fomos inferiores".
Relacionadas:
-
Charles viste a Rufo e Brais de Igor e Yuri
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
O Pontevedra axexa o Adarve: seis finais e mínima vantaxe
Por Manu Otero |
-
Seoane ve a súa quinta amarela desde o banco e será baixa para a visita do Avilés
Por Manu Otero |
-
Golpe enriba da mesa do Pontevedra en Navalcarnero (0-2) para poñerse a un punto do liderado
Por Diego Espiño |