Golpe enriba da mesa do Pontevedra en Navalcarnero (0-2) para poñerse a un punto do liderado
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol mete a directa aproveitando o tropezo do Unión Adarve (empate ante o Compostela) para colocarse a só un punto do liderado tras o seu triunfo este domingo no campo do terceiro clasificado, un Navalcarnero que chegaba como segundo mellor local do grupo pero que se viu superado pola pegada do visitante máis eficaz.
Os granates, vestidos co seu segundo equipamento, sabían o que estaba en xogo no Estadio Mariano González, e saltaron ao céspede co mono de traballo posto cun once inicial que só variou con respecto ao domingo anterior no lateral destro, coa entrada do canteirán Santi Figueroa en lugar dun tocado Diego Seoane.
O encontro comezou con respecto por parte de ambos os dous equipos, que se alternaban as posesións estudando como poder facer dano ao contrario, o que se traducía en poucas chegadas á área aínda que con sensación de estar a xogar a unha alta intensidade.
Así se chegou ao minuto 12 de xogo, e en pouco máis de 60 segundos o choque dinamitouse. Primeiro o cadro local reclamou un posible penalti de Churre sobre Fratelli, nunha incorporación do central madrileño, sen que o árbitro, ben posicionado, vise nada punible. Protestou o Navalcarnero e sen case tempo viuse por baixo no marcador. O xogo continuou cunha disputa na medular á que chegou con forza Samu Araújo conectando un envío longo e bombeado que se foi complicando polo vento, Dani Hernández mediu mal e aproveitando o erro apareceu Brais Abelenda pisando área para conectar unha volea precisa e bater a Aitor González. O Pontevedra exhibía pegada adiantándose na súa primeira ocasión.
15' | Golpea cedo o Pontevedra no Mariano González!
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) April 3, 2022
@CDANavalcarnero
@PontevedraCFSAD
Atopou cobertura @BraisAbelenda para chamar por novena vez esta tempada logo dese envío de @SamuelAraujo33
"Vaia pase sen querer", escóitase na bancada, pero así tamén vale! pic.twitter.com/Wt19RR6cmX
Tras o tanto os locais aumentaron a súa presión, angustiando por momentos a un equipo pontevedrés obrigado a replegar pero que o fixo sen conceder oportunidades e atento a calquera posibilidade de saír con velocidade.
Cacharrón seguía sen intervir cando se ía achegando o descanso, e o Pontevedra atopou a súa opción nunha gran combinación ao primeiro toque por banda dereita cara á incorporación de Santi Figueroa. O lateral centrou raso salvando a defensa milagrosamente cando Álex González tiña todo para marcar. Parecía que se librara o Navalcarnero, pero no saque de esquina o propio Álex apoiouse en curto con Yelko para centrar desde o pico da área, atopando o seu envío unha man de Marcos Mendes que o colexiado converteu en pena máxima.
De novo Brais Abelenda, esta vez desde os 11 metros, enviaba o coiro ao fondo de rede, polo centro da portería, poñendo un 0-2 que clarificaba moito o panorama xusto antes do paso polos vestiarios.
Tempo de lecer no Mariano González!
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) April 3, 2022
Marcha ao descanso o @PontevedraCFSAD coa vantaxe dos dous tantos de @BraisAbelenda ante o @CDANavalcarnero
Abelenda fixo o segundo de penalti por mans dentro da área logo do disparo de @Alexgm07 pic.twitter.com/miaXdTKG5R
O guión non cambiou no inicio do segundo acto, cun conxunto local obrigado a ir ao ataque mentres os de Ángel Rodríguez pechaban ocos coas súas liñas moi xuntas esperando que o reloxo fose correndo, sen descartar conseguir a sentenza. Estivo preto de feito no minuto 50 nunha incorporación de Samu Araújo polo costado zurdo cun centro desde a liña de fondo á que non chegou por centímetros en liña de gol Brais.
Cada vez o Pontevedra víase obrigado a defender co blouqe máis baixo, xerándose una certa sensación de perigo para os locais que non se chegaba a traducir con todo en ocasións. Tanto é así que ata o minuto 71 non chegou o primeiro disparo do Navalcarnero, e non foi entre paus xa que o chute coa zurda de Navarro marchou alto.
Os da Boa Vila tiraron de oficio para frear o ritmo de xogo nos minutos finais sen pasar excesivos e pechar o partido levando un importante botín, tres puntos no encontro, a priori, máis complicado dos que quedaban ata o final do campionato. Por diante quedan só seis finais máis, a distancia co terceiro ábrese a 6 puntos e só un sepáralle xa do ascenso directo, única meta que teñen en mente os granates.
CDA NAVALCARNERO (0): Aitor González, Meseguer, Dani Hernández (Álex Gil, min.80), David Uña, Luis Fratelli, Busi (Luis Lara, min.59), David Rodríguez, Sergio Navarro (Adrián Expósito, min.80), Miki Muñoz (Fran Pérez, min.59), Marcos Mendes, Raúl Beneit.
PONTEVEDRA CF (2): Cacharrón, Santi Figueroa, David Soto, Churre, Samu Araújo, Miguel Román, Yelko Pino (Romay, min.88), Alberto Rubio (Oier Calvillo, min.83), Álex González, Brais Abelenda (Javi Rey, min.83), Rufo (Charles, min.83).
Árbitro: Juan Manuel Gordillo Escamilla, auxiliado por Cerdán Gómez e Moreno Soler (Valencia). Amoestou a Marcos Mendes, David Uña, Meseguer, Fran Pérez e David Rodríguez no Navalcarnero e a Santi Figueroa e Alberto Rubio no Pontevedra, ademais de a Seoane por protestar dende o banco.
Goles: 0-1 Brais Abelenda (min.14); 0-2 Brais, de penalti (min.40).
Incidencias: Partido da xornada 28 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal Mariano González de Navalcarnero.
Relacionadas:
-
Remontada épica e liderado granate (3-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra axexa o Adarve: seis finais e mínima vantaxe
Por Manu Otero |
-
Seoane ve a súa quinta amarela desde o banco e será baixa para a visita do Avilés
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez: "Tocaba ser equipo máis que nunca e fomos un equipo con maiúsculas"
Por Almu Dapena |
-
Navalcarnero, duro test para as aspiracións do Pontevedra: "Teño a sensación de que vai ser un partido de goles"
Por Diego Espiño |
-
O Mariano González, un estadio de grato recordo para o Pontevedra e para Álex González
Por Diego Espiño |
-
Competición acepta o recurso do Pontevedra e invalida a quinta amarela de Churre
Por Diego Espiño |
-
Churre pérdese a 'final' de Navalcarnero, con outros tres granates en risco de suspensión
Por Diego Espiño |
-
Yelko Pino, convencido de que "se gañamos os sete partidos que quedan imos ser campións"
Por Diego Espiño |
-
A diferenza de goles, un factor que pode decidir o ascenso
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra honra o seu eterno capitán cunha épica remontada diante do líder (3-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |