Navalcarnero, duro test para as aspiracións do Pontevedra: "Teño a sensación de que vai ser un partido de goles"
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol visita este domingo 3 de abril (17.00 horas) o campo do terceiro clasificado, un Navalcarnero que se presenta como un duro test para os granates na súa aspiración de seguir presionando o líder Unión Adarve e tentar asaltar o primeiro posto.
Ángel Rodríguez prognostica que o encontro en terras madrileñas "teño a sensación de que vai ser un partido de goles, porque somos dous equipos que tentamos xogar ao ataque, porque somos dous equipos que temos sempre a intención de atacar con moitos efectivos. O lóxico é que sexa un partido atractivo para o afeccionado".
A única dúbida para o técnico radica no estado físico de Diego Seoane, cunha sobrecarga muscular e que será unha incógnita ata última hora. "Imos apurar ata o último momento, aínda que estou confiado de que vai vir e competir co equipo", avanza Rodríguez.
O resto do plantel está á súa disposición, incluído un Churre que viu levantado o seu castigo dun encontro ao serlle retirada a amarela que viu a última xornada. Todo un respiro para a zaga pontevedresa ao tratarse de "un xogador que lle dá carácter á defensa, é moi rápido e intenso no que fai, ademais tira do grupo. Creo que para nós ter a Churre no equipo é importante. Oxalá gañásemos 0-1 con gol de Churre", sinalou o preparador granate na súa habitual rolda de prensa dos venres.
O míster mostrouse confiado en poder conseguir os tres puntos fronte a un Navalcarnero que é o segundo mellor equipo como local do grupo perdendo só un encontro ante a súa afección. "Fóra da casa sempre fomos un equipo forte, a calquera dos campos que fomos tivemos opcións de gañar mesmo cando non o conseguimos", defende satisfeito do nivel mostrado polos seus xogadores nas últimas semanas xa que "parece que imos atopando ese ritmo de balón, ese ritmo de xogo, esa intensidade na presión tras perda, e o equipo móstrase confiado".
O choque no Estadio Mariano González de Navalcarnero será arbitrado polo valenciano Juan Manuel Gordillo Escamilla.
Relacionadas:
-
Golpe enriba da mesa do Pontevedra en Navalcarnero (0-2) para poñerse a un punto do liderado
Por Diego Espiño |
-
O Mariano González, un estadio de grato recordo para o Pontevedra e para Álex González
Por Diego Espiño |
-
Competición acepta o recurso do Pontevedra e invalida a quinta amarela de Churre
Por Diego Espiño |
-
Churre pérdese a 'final' de Navalcarnero, con outros tres granates en risco de suspensión
Por Diego Espiño |
-
Yelko Pino, convencido de que "se gañamos os sete partidos que quedan imos ser campións"
Por Diego Espiño |
-
A diferenza de goles, un factor que pode decidir o ascenso
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra honra o seu eterno capitán cunha épica remontada diante do líder (3-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |