Unha comuñón equipo-afección clave para Churre :"Están a darnos ese plus e ese aire que en certos minutos fainos falta"
Por Diego Espiño
Cinco partidos, 450 minutos, son os que separan ao Pontevedra Club de Fútbol do seu obxectivo de ascender á Primeira RFEF, unha meta para a que necesitará o apoio dos seus fieis.
Así o entenden un dos capitáns do equipo, Víctor Vázquez 'Churre', para quen a comuñón que se xerou nas últimas semanas entre o equipo granate e a súa afección resultou clave para colocarse líderes.
"A verdade é que estes últimos partidos de casa están a darnos ese plus e ese aire que en certos minutos fainos falta. Desde a bancada están a empuxar e os xogadores notámolo moito", recoñece o central marinense.
"Estes partidos que remontamos na casa tería sido imposible se non chega a ser polo ambiente que había no campo, porque cando nos meten o segundo gol nos dous partidos o primeiro que se escoitaron foron berros de ánimo cara ao equipo. Sen eles sería case imposible conseguir estes seis puntos. Son parte importantísima de todo, se estamos xuntos afección e equipo vai ser todo moito máis fácil", incide o defensor.
Granate desde o berce, Churre viviu moitas xestas do equipo na bancada, polo que "agora poder estar dentro e conseguir un ascenso sería a bomba", pero para iso queda aínda moita tea que cortar, polo que "euforia non pode haber no equipo, non debe, pode haber a alegría de remontar e poñernos primeiros despois de tanto tempo pero ata aí, é unha semana nova, hai que esquecerse e centrarnos no seguinte partido, sen euforias porque cun pouco de relaxación está a verse que nesta liga píntache a cara calquera", defende.
Nese horizonte o primeiro que aparece é o duelo de rivalidade comarcal contra o Arosa o vindeiro domingo 17 de abril (17.00 horas) na Lomba, un choque no que "nos teñen ganas e é un partido bonito pola proximidade. Teño coñecidos de Vilagarcía que son afeccionados do Arosa e é o partido tanto o da ida como o da volta que estaban a esperar", asegura o 4 do Pontevedra convencido de que o cadro arlequinado contará co apoio incondicional da súa afección na pelexa pola permanencia, "pero seguro que nós estaremos tamén ben arroupados", confía.
Un derbi que chega nun bo momento para Churre, que ademais de imprescindible no once granate destapouse como goleador con dous tantos nos últimos 4 partidos (non anotara ningún nos 107 encontros de liga anteriores como granate). Un feito que non lle fai nin sequera soñar con ser el o que anote o tanto que consome o salto de categoría, porque "se hai ascenso coma se mete o gol o porteiro, non teño problema por iso con tal de que haxa ascenso".
Relacionadas:
-
Empate insuficiente para Arosa e Pontevedra nun derbi de alta voltaxe (1-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Martín Diz, un vilagarcián que se estrea na Lomba... de visitante: "Vai ser especial"
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez pide "afrontar o partido como uno máis" ante o Arosa
Por Diego Espiño |
-
O Arosa envía ao Pontevedra 300 entradas para o derbi da Lomba
Por Redacción |
-
De remontada en remontada ata o liderado
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez: "Cando Pasarón se envorca co seu equipo, dálle unha inxección de moral aos xogadores"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Remontada épica e liderado granate (3-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |