Jorge Otero, destituído como adestrador do Arosa: "Oxalá que o equipo consiga o obxectivo"
Por Diego Espiño
A falta de cinco xornadas para o final da liga na Segunda RFEF e coa permanencia en xogo, o Arosa decidiu dar un xiro drástico de rumbo cambiando de adestrador.
Jorge Otero deixou de ser o técnico arlequinado, tal e como comunicou o club este martes nunha emotiva rolda de prensa co preparador, o director deportivo Rafa Sáez, o presidente Manolo Abalo e o director xeral, Rodrigo Lojo.
"O cesamento vén determinado pola dinámica na que está o equipo, entramos nun bucle que nos ten neste momento en caída libre", xustificou Sáez recoñecendo que "todos somos responsables desta situación, aínda que o teña que pagar unha persoa".
A corda rompe polo lado de Otero despois de sumar unha vitoria no últimos oito encontros de liga, o que fixo que o equipo caia á zona de descenso a dous puntos da salvación.
"Voume coa tristeza de non conseguir non o obxectivo, porque estou convencido de que o vai a conseguir o equipo, senón de non chegar ao final", sinalou un emocionado Jorge Otero ao marchar con "esa espiña de non conseguir acabar como queriamos".
O técnico asumiu "toda a responsabilidade" polos resultados a pesar de traballar "con moita ilusión, con moitas ganas", despedíndose do club e da afección cun desexo claro: "Oxalá que o equipo consiga o obxectivo".
Preguntados por quen se ocupará agora de dirixir ao Arosa ata final de tempada, empezando polo derbi do próximo domingo na Lomba fronte ao Pontevedra, tanto o director deportivo como o presidente arlequinado sinalado que "entendo a pregunta e o interese pero o escenario convida a non responder a este tema", deixando no aire unha incógnita que "seguramente mañá" confirmarase, avanzou Rafa Sáez evitando responder se será el mesmo o que se faga cargo do equipo.
Relacionadas:
-
Empate insuficiente para Arosa e Pontevedra nun derbi de alta voltaxe (1-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Martín Diz, un vilagarcián que se estrea na Lomba... de visitante: "Vai ser especial"
Por Diego Espiño |
-
Luisito desembarca no Arosa para o que queda de tempada e unha máis: "Non é unha situación insalvable"
Por Diego Espiño |
-
O Arosa declara o derbi co Pontevedra como "medio día de axuda ao club"
Por Redacción |
-
O Arosa envía ao Pontevedra 300 entradas para o derbi da Lomba
Por Redacción |
-
O Salamanca sentencia o Arosa na primeira parte (4-0)
Por Redacción |