Deportes estrea unha web que simplifica trámites e información a todo tipo de usuarios
Por Manu Otero
O servizo municipal de Deportes de Pontevedra ten nova páxina web. O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, acompañado polo xefe do servizo municipal deste departamento, Jaime Agulló, presentaron un renovado portal que ofrece información de utilidade para deportistas, clubs, turistas e para a cidadanía en xeral.
A través da dirección deportes.pontevedra.gal, os visitantes atoparanse cun deseño renovado presidido por unha cabeceira con epígrafes que dirixen aos principais apartados de interese como a axenda de eventos deportivos, un directorio de clubs e de instalacións deportivas, as escolas deportivas, as subvencións para clubs, a importancia do deporte para unha boa saúde e a descarga de documentos.
Un banzo máis abaixo aparece un segundo menú destacado cromáticamente que serve de acceso directo á axenda deportiva, aos grandes eventos que acollerá a cidade, ás probas máis icónicas do deporte pontevedrés, ao programa A vida é Movernos e a unha pestana chamada historias que servirá para lembrar ou dar a coñecer as grandes figuras do deporte pontevedrés. A información contida neste segundo menú, explicaron Fernández e Agulló, será a que se renove máis habitualmente.
Existe un terceiro menú deseñado con ligazóns de interese específicos para directivos de clubs, deportistas, turistas, voluntarios ou pais e nais.
Ao seguir descendendo pola páxina, os usuarios atoparanse unha sección con accesos directos a informacións destacadas, noticias, ligazóns de interese e, ao fondo, unha caixa con suxerencias para que os usuarios reporten todo aquilo que consideren que se pode mellorar nesta nova páxina web.
En fase de construción está un sistema en liña de reservas de instalacións deportivas que será adxudicada a unha empresa externa e que, tan pronto como estea deseñada, será implementada na nova web. Con esta ferramenta, os usuarios poderán consultar a dispoñibilidade das instalacións, realizar reservas, xestionalas e, se procede, realizar o pago de forma en liña. Actualmente, estes trámites realízanse a través de correo electrónico, formularios ou por teléfono.
Relacionadas:
-
Animan a participar nunha actividade que combina baile, andaina, tonificación e estiramentos
Por Redacción |
-
As pistas de Campolongo recuperan as súas porterías
Por Redacción |
-
Sacan a concurso por 360.030 euros a renovación do céspede dun campo de fútbol do complexo Manolo Barreiro
Por Natalia Puga |