As pistas de Campolongo recuperan as súas porterías
Por Redacción
As pistas de Campolongo recuperaron este venres as porterías para a práctica de fútbol sala. Estes elementos desapareceran deste recinto cando se iniciou a reforma do ximnasio e, meses despois do seu remate, o Concello de Pontevedra volve colocalas mentres ultima a compra de máis materiais para ampliar as disciplinas deportivas que se poderán practicar neste espazo.
O departamento que dirixe o tenente de alcalde, Tino Fernández, finalizou este venres a intervención que permitiu dotar ás pistas de Campolongo dun campo de fútbol sala.
Os traballos, realizados con man de obra municipal e un investimento duns 4.100 euros, consistiron no pintado da nova cancha e na instalación de dúas porterías da marca Mondo cun novidoso sistema antivuelco.
O Servizo Municipal de Deportes iniciou tamén o procedemento de contratación do proxecto para crear neste espazo dúas canchas de baloncesto 3x3 coas súas respectivas canastras. Estes traballos de pintado e instalación das canastras terán un custe duns 12.500 euros.
"Serán tamén executadas mediante man de obra municipal e agardamos que poidan materializarse no que resta de mes", indicou o edil do PSOE.
En paralelo, a Concellería de Deportes está a manter conversas coa comunidade educativa do CEP Campolongo de cara a dotar dunha zona de xogos populares e tradicionais para uso e desfrute dos rapaces á zona das pistas máis próxima ao colexio.
"Estase a estudar co centro educativo a mellor fórmula para acometer o pintado desta área de xogos, sexa pola vía da contratación dunha empresa ou ben mediante a subministración de materiais para que o propio colexio o realice como proxecto integrador, coa implicación de alumnado e comunidade educativa", apuntou Fernández.
Ademais, o Concello mantén conversas coa firma concesionaria do Complexo Deportivo BeOne para que solucione os problemas estruturais que afectan ás pistas deportivas situadas na cuberta das piscinas.
Relacionadas:
-
O ximnasio de Campolongo avanza cara á autosuficiencia enerxética con 66 paneis solares novos
Por Redacción |
-
Campolongo recupera a súa cancha de baloncesto
Por Redacción |
-
Deportes estrea unha web que simplifica trámites e información a todo tipo de usuarios
Por Manu Otero |
-
Os veciños arrancan ao Concello o compromiso de arranxar unha serie de "deficiencias" no parque de Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de Campolongo reclaman o arranxo urxente das pistas deportivas
Por María José Pita |