A xira do balonmán praia galego comeza esta fin de semana en Bueu
Por Redacción
A praia da Banda do Río será escenario esta fin de semana, do 1 ao 3 de xullo, da primeira parada da xira do Torneo de Balonmán Praia de Galicia. Un evento que consta de catro xornadas e no que participarán preto de noventa equipos de diferentes categorías.
Este xoves en Bueu tivo lugar a presentación do campionato e da primeira das súas xornadas. O torneo conta con 86 equipos inscritos nas categorías de alevín, infantil, cadete, xuvenil e senior. Ademais vaise poder seguir en directo dende a canle de YouTube da Federación Galega de Balonmán.
A competición desta fin de semana forma parte, xunto coa que se celebrará dentro de tres semananas en Moaña, do Torneo Mancomunidade de Concellos do Morrazo. Pero a Xira consta doutras dúas paradas: o Torneo Concello de Moaña e a Copa Federación, que terá lugar en Cangas a última fin de semana de agosto.
No acto de presentación participaron Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual da Mancomunidade de Concellos do Morrazo; Ricardo Verde, concelleiro de deportes de Bueu; Leticia Santos, alcaldesa de Moaña; Dolores Chapela, concelleira de deportes de Moaña; Victoria Portas, alcaldesa de Cangas; Bruno López, presidente en funcións da Federación Galega de Balonmán; Gorka Gómez, deputado de deportes; Daniel Benavides, xefe provincial de deportes da Xunta de Galicia e Manuel Castro, presidente do Bueu Atlético Balonmán.
"Se nós apostamos polo balonmán praia foi como un recoñecemento ao traballo realizado en anos anteriores polo Bueu Atlético Balonmán e pola Asociación Cultural e Deportiva O Pateño”, agradeceu o rexedor Juncal.