O ucraíno Galperin imponse no X Internacional Ciudad de Pontevedra de xadrez
Por Redacción
Punto e final a unha semana chea de xadrez nas instalacións do Colegio Los Sauces, que acolleu a décima edición do Torneo Internacional Ciudad de Pontevedra desde o día 24 ao 30 de xullo.
O ucraíno Galperin impúxose esta ocasión empatado co húngaro Robert Ruck despois de demostrar un nivel moi alto nos últimos torneos que disputou. O campión sumou seis vitorias, tres empates e 0 derrotas, o que supoñen 7,5 puntos que lle outorgan a súa primeira norma de Gran Mestre.
Segundo foi o armenio Grigoryan, que conseguiu sete puntos en sete vitorias e ningún empate. Grigoryan demostrou durante todo o torneo querer a vitoria o que propiciou moi boas partidas para desfrute do público.
No duelo de indios da terceira mesa, o xoven Mendonca levou a vitoria, o que supuxo o terceiro posto na xeral. Empatou a puntos co armenio pero o coeficiente de desempate inclinou a balanza na súa contra. É o actual número 2 do mundo sub-16.
O top 5 completárono o húngaro Ruck e o ucraíno Mirzoev, o primeiro cun empate ante Platon e o outro derrotando ao cubano Arián González.
Pola súa banda, Lilian consolidou o seu primeiro posto feminino cun empate, 4,5 puntos e o posto 33 da xeral, mentres que o galego Rubén Fernández caeu derrotado polo indio Shyaamnikhil e asina unha subida de 14 puntos na clasificación internacional.
CATEGORÍA AMATEUR
Na categoría amateur, Alberto Hernando proclamouse gañador a pesar de perder na última rolda con Víctor Arce. Produciuse un empate a 7,5 entre ambos xogadores pero, por unha axustada marxe, a suma de actuacións de todo o torneo deu o primeiro posto a Hernando e o segundo a Arce.
O terceiro posto foi para Ángel García despois de gañar ante un dos favoritos ao comezo do torneo, o alxerino Mounir Ould.
Na gala de clausura estivo o tenente de alcalde e concelleiro de deportes, Tino Fernández, encargado de colaborar coa Escola Xadrez Pontevedra na entrega de galardóns.
Fernández destacou o traballo de toda a entidade en canto á promoción do xadrez e este torneo en particular, ao tratarse "dun dos mellores de España e buque insignia do xadrez galego".
Relacionadas:
-
Os mellores xadrecistas internacionais participarán desde este luns no Torneo Ciudad de Pontevedra
Por Redacción |
-
Con 16 anos, Rubén Fernández, de Xadrez Pontevedra, obtén a medalla de bronce no Campionato Galego Absoluto
Por Redacción |
-
Un marinense eleva o xadrez ao universo Marvel
Por Manu Otero |