Antía Chamosa e a súa odisea no Europeo: "A partir do quilómetro 10 empecei a vomitar"
Por Diego Espiño
Era a súa primeira experiencia nun Campionato de Europa Absoluto de Atletismo, pero a pesar da valiosa vivencia a súa carreira non foi nin moito menos como esperaba.
Antía Chamosa finalizou na 15ª posición a proba dos 35 quilómetros marcha do Europeo que se celebra en Munich despois de vivir unha auténtica odisea durante gran parte do percorrido por culpa de problemas estomacais.
Paseino bastante mal. No inicio da carreira vía que tiña moi malas sensacións, e a partir do quilómetro 10 empecei a vomitar", explicou no programa Zona Mixta da Radio Galega.
"Non sei de onde saquei a enerxía para chegar á meta -conta Chamosa- porque tiña que rematar a carreira si ou si, aínda que fose arrastrándome. Logo ata as 16h seguín mal, vomitando, querían levarme ao hospital... ata que me recuperei pola tarde"
— ZonaMixta RG (@RgZonamixta) August 17, 2022
"Nalgunha volta vomitei dúas veces e xa non sabía nin como chegar. Nunca me pasaba atoparme tan mal", rememora. Con todo "tiña que chegar, non podía parar, loiteino ata o final, era unha carreira contra min mesma, en ningún momento estaba xa na proba" explica a pontevedresa.
O motivo de non abandonar a pesar dos seus problemas físicos é que "tiña que terminar a carreira si ou si polo tema da bolsa da Federación Española", recoñece Chamosa.
De feito a atleta da Sociedad Gimnástica revela que se seguiu atopando mal ata horas despois da carreira. "Ata as 16.00 a tarde seguín atopándome mal, seguín vomitando e xa non sabía que facer. Preguntáronme se levarme ao hospital e todo, pero recupereime", explica aínda desde Alemaña.
Todo un exemplo de vontade que espera lle sirva de experiencia no futuro, aínda que lle privara de conseguir o resultado que esperaba. "É unha pena porque o día x, que tiña que estar moi forte, non saíu a carreira que esperaba pero tentei loitalo", sinala Chamosa mirando xa cara a un futuro no que aspira a seguir progresando dentro do atletismo internacional.
Relacionadas:
-
O equipo nacional de 20 quilómetros marcha, con Antía Chamosa, a tres puntos do bronce no Europeo de Podebrady
Por Redacción |
-
Antía Chamosa, bronce no Nacional de marcha, consegue a mínima para o Mundial de Budapest
Por Almu Dapena |
-
Antía Chamosa suma experiencia internacional cun posto 15 no Europeo de Munich
Por Diego Espiño |
-
Antía Chamosa, convocada para o Europeo Absoluto de Atletismo en Munich
Por Redacción |
-
Os irmáns Chamosa establecen un novo récord galego nos 10 quilómetros marcha
Por Redacción |
-
Os irmáns Chamosa derruban en Eslovaquia as portas do Europeo e o Mundial de marcha
Por Redacción |