Fin ao culebrón sobre os dereitos televisivos: a Primeira Federación verase por InStat TV
Por Redacción
A tres días para que o balón bote a rodar en Primeira Federación, a RFEF fai oficial o nome do operador que retransmitirá os partidos da categoría de bronce do fútbol español. Trátase da plataforma InStat TV, que ofrecerá todos os partidos de cada xornada a un prezo para o consumidor final de 10 euros mensuais ou 59,90 euros por toda a tempada. Ademais, as dúas primeiras xornadas de competición emitiranse de forma gratuíta.
Explican a través dun comunicado desde o ente federativo que "a Primeira Federación experimenta un gran salto de calidade na súa segunda tempada grazas ao acordo entre a RFEF e InStat TV polo que esta prestixiosa plataforma internacional de retransmisións deportivas encargarase de ofrecer todos os encontros da categoría ata a tempada 2024-25".
Para gozar de forma gratuíta das dúas primeiras xornadas, os usuarios simplemente terán que rexistrarse na plataforma. A partir da terceira xornada, será requirido o pago da cota correspondente para visualizar o contido sen ningún compromiso de permanencia. O abono total da tempada inclúe tamén a fase de ascenso.
Coa posta en marcha deste servizo, InStat TV habilitará unha páxina propia para a Primeira Federación dentro da súa plataforma, que está dispoñible en varios idiomas e que ademais ofrece outros servizos complemtentarios, así como a retransmisión de distintas ligas e deportes de todo o mundo. Con todo, no comunicado da RFEF non se especifica se un usuario estándar terá acceso a este tipo de contido pensado e elaborado para analistas deportivos.
Tampouco recolle este anuncio como será a calidade das retransmisións no referente a número de cámaras, oferta de repeticións, grafismos ou comentaristas.
¡En tres días arranca el espectáculo de #PrimeraFederación y puedes disfrutar de la jornada inaugural completamente gratis a través de InStat TV!
— Primera Federación (@Primera_RFEF) August 24, 2022
https://t.co/DOp70olG3E pic.twitter.com/lARnyfyqLy