O Cisne buscará o sábado o pase á final da Supercopa Galicia fronte ao Novás
Por Redacción
A paradisiaca contorna da praia de Menduíña, en Cangas do Morrazo, foi o escenario elixido pola Federación Galega de Balonmán para presentar as diferentes competicións de Copa e Supercopa Galicia 2022 que se celebrarán no pavillón desta localidade, O Gatañal, entre o 26 e o 28 de agosto.
En presenza de representantes da Xunta, a Deputación e o Concello, o presidente en funcións do ente federativo, Bruno López, lembrou o cambio de formato realizado hai dous anos con esta competición para "poñer en valor o balonmán galego".
Dous anos despois, o balance non pode ser máis positivo. "Temos claro que a Copa e Supercopa Galicia é a mellor competición do balonmán galego e unha dás máis vistosas a nivel nacional", asegura o dirixente, destacando a participación de equipos masculinos e femininos das principais categorías do balonmán nacional e autonómico.
A competición comezará o venres coa disputa das semifinais da Copa Galicia masculina, seguirá o sábado coas semifinais da Copa Galicia feminina e da Supercopa Galicia masculina e terminará o domingo coas finais das dúas copas e as dúas supercopas. En total, participarán 12 clubs en dez partidos repartidos en tres xornadas.
No que afecta o Club Cisne, os brancos debutarán en semifinais da Supercopa masculina o sábado ás 17 horas fronte ao Novás de División de Honra Prata. Na outra semifinal enfróntanse o Frigoríficos do Morrazo co BM Lalín. Os gañadores veranse as caras o domingo na final prevista para as 19 horas.
Nas outras competicións, destaca a participación do Bueu Atlético Balonmán, que se medirá o venres ás 21 horas, ao BM Porriño na segunda semifinal da Copa Galicia masculina. Mentres que na Copa Galicia feminina, o Asmúbal Meaño loitará por un posto na final co BM Porriño nun partido previsto para o sábado ás 11 horas.
A SD Teucro non está nesta fase final por ter caído na fase previa da Supercopa Galicia diante do Lalín
Relacionadas:
-
O Cisne supera o Atlético Novás e xa é finalista da Copa Galicia (26-21)
Por Redacción |
-
Un tridente para agarrar a permanencia en Asobal
Por Redacción |
-
As probas descartan unha lesión grave no xeonllo de Bruno Vázquez, que estará dous meses de baixa
Por Redacción |
-
O Cisne gaña o Xiria e avanza a semifinais da Copa Galicia (28-37)
Por Redacción |
-
O novo Cisne de Márquez inicia a carreira pola permanencia
Por Manu Otero & Mónica Patxot |