O Waterpolo Pontevedra volve aos adestramentos pero non ten piscina
Por Redacción
O Club Waterpolo Pontevedra retoma os adestramentos o 1 de setembro. Unha tempada histórica polo debut do equipo feminino en Primeira Nacional e a celebración do 25 aniversario do club pero que empeza como sempre: coa eterna incógnita acerca das piscinas que poderán usar para completar as sesións de traballo.
Antes de lanzarse á auga, os xogadores das diferentes categorías e os seus proxenitores están citados para a tradicional reunión técnica e informativa de inicio de tempada na que o corpo técnico presentará os obxectivos do curso e explicará a organización dos adestramentos e as competicións.
Estes encontros terán lugar no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia da Rúa Benito Corbal. En intervalos de media agora, desde as 18.15 horas, están citados os integrantes do equipo benjamín mixto, alevín masculino, infantil masculino, cadete masculino, xuvenil masculino e absoluto masculino. Como excepción, o grupo alevín e infantil feminino terá a reunión no CGTD ás 18.30 horas deste 1 de setembro.
Pola súa banda, o equipo absoluto feminino, que comezou a pretemporada o pasado 22 de agosto, continúa preparándose nas instalacións do CGTD de Pontevedra grazas á colaboración da Secretaría Xeral para ou Deporte da Xunta de Galicia.
Menos claro o teñen o resto de categorías. "O Club comeza como noutras tempadas coa incerteza de onde e como poderán adestrar algúns dos seus equipos, xa que aínda non temos información sobre Rías do Sur e seguimos á espera de saber se se poderá utilizar a piscina da Escola Naval Militar de forma provisional", puntualizan.
No que non hai dúbidas é na firme intención de incrementar a base de deportistas. Por iso, como cada ano, o CW Pontevedra ofrece a posibilidade de probar o waterpolo de forma gratuíta. Os interesados poderán contactar co club a través do correo electrónico info@waterpolopontevedra.com ou por teléfono 604 002 018. O club pontevedrés busca nenos nados entre 2014 e 2009 e nenas desde 2014 e sen límite de idade que queiran sumarse ao proxecto feminino para potenciar ao equipo que debutará en competición Nacional.
Relacionadas:
-
Balance positivo do Waterpolo Pontevedra de Primeira Nacional nos seus catro primeiros amigables
Por Redacción |
-
Primeiros test para o Waterpolo Pontevedra na súa posta a punto para a Primeira Nacional
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra debutará en Liga Nacional contra un 'coco': o Simalga Real Canoe NC
Por Redacción |
-
Ilusión disparada nun Waterpolo Pontevedra que xa prepara o seu debut en liga nacional
Por Manu Otero |